Non me sentira nunca levado a un “pozo do tempo” como aquel día de vran de 1951 en que visitéi a clausura do convento das Madres Franciscanas de Monforte, que fundaran os Condes de Lemos, alá polo 1622. As horas detivéranse tras de aqueles muros, ergueitos polo dadiveiro don Pedro Fernández de Castro, mecenas de escritores e de artistas, defensor de Galicia, en todo Grande. Alí viñera recollerse, penitente, á súa morte, doña Catalina de Lacerda, unha das mulleres máis fachendosas e deportivas do seu tempo. Alí acolléranse tamén as fillas de Don Francisco, irmán do autor do Buho Gallego.
As monxiñas recibírannos ca máis aberta cortesía. Eu xa estivera no locutorio, moitos anos atrás, na primeira das xeiras do Seminario de Estudos, co petrucial Boo pita. Nas Claras, morrera, en recendor de santidade, unha tía aboa da miña muller. Agora iamos voltar aos seus lugares os lenzos dos vellos padroeiros, restaurados no Prado, a costa do Duque de Alba. O seu nome e os de Cantón, de López Suárez, de Pita Andrade, e un telegrama do Bispo, desfecharon todas as portas.
O Tesouro deixounos abraiados. Denantes, poucos alí entraran. Mais, pra min, o inesquecibre é ter vivido aquelas horas, un pasado de tres sécuIos, nun ” conxelado” XVll. Falaban de “Don Pedro”, como se aínda vivise, i era o Conde proteitor de Cervantes.
Preguntei se tiñan vilancicos vellos e dixeron “había uns que cantaban as nenas”. E “as nenas” eran as orfas de ” Don Francisco”, que entraran cando tiñan catro e cinco anos. A falar dos Lemos, da súa facenda e do tarde que se construira unha eirexa cabal, “Las cosas andan mal, desde que se perdieron las rentas del Reino de Nápoles”.
Pode visitarse o Relicario e o Tesouro en salas arranxadas, baixo a dirección de Chamoso Lamas, a custa do Patrimonio Artístico e da caixa de Aforros da Cruña e Lugo. En toda Galicia, nada pode asemellárselle.
Unha Memoria do mesmo século XVll di que “es el más devoto, rico y curioso que hay en el Reino, pues los Señores, que se hallaron en Roma y Nápoles, procuraron enriquecerle y adornarle de alhajas y reliquias”.
Doña Catalina tivera moito aquet pra se faceren con tanta fartura. Cando o seu marido era Virrei de Nápoles, Paulo V déralle unha Bula pra que “todos os Arcebispos, Bispos e Abades poideran darlle as reliquias que tiveran nas súas eirexas”. Don Pedro fixo despachar cartas aos prelados e formou relación de canta reliquia tiñan. A Condesa, pola súa banda, non deixou pedra sin mover. A carón seu, Xelmírez fora un picariño.
Se aglaia cánto axuntóu, é de ver a fermosura dos relicarios e das imaxes. Dende a gracia requintada dos mellores ourives da ltalia, á riqueza colonial, á fermosura dos bustos barrocos… Poucas pezas poden compararse á arca do Moimento de Xoves Santo ou a custodia feita cos xoieles dun traxe de corte da Condesa. E, presidindo o conxunto,o Cristo Xacente e a Inmaculadad do noso Gregorio Fernández que pubricóu Martín González.
30-l-1977