O Creador foi moi xeneroso connosco e colmounos de múltiples favores aos humanos.
Eses favores son realidades que cotizan pola súa utilidade e pola nosa compracencia. Elas enriquécennos e capacítannos para realizarnos como persoas, á vez que nos predispoñen para vivir en sociedade, compartindo días de sol e de choiva cos nosos semellantes.
No ambiente dos valores existen dúas categorías: un valor absoluto e múltiples valores relativos. Na orde do increado só hai un valor absoluto: Deus cos seus atributos. E no mundo das criaturas, os valores son múltiples e relativos: valórase máis ao sabio que ao ignorante; ao virtuoso que ao irresponsable. Vistas así as criaturas, ás nais habería que cualificalas como o “supremo valor creado”. Nelas, a bondade non ten límites; a súa xenerosidade é inconmensurable; e a súa entrega é abismal.
Un día preguntáronlle a Víctor Hugo: “sabes o que é unha nai?” E el respondeu: “Nai é unha muller”. Pero ao instante corrixiu e dixo: “Non: Nai é un Anxo que che ensina a falar, que che ensina a ler, que che ensina a rezar. Nai é un ser que quenta os teus dedos entre as súas mans e a túa alma no seu corazón. Nai é unha muller que che dá o seu leite cando es pequeno, que che dá o seu pan cando es maior; que che dá a súa vida en todo momento”.
E Monseñor Jara, bispo chileno, descríbea así nunha das súas pastorais: Hai unha muller que ten algo de Deus pola inmensidade do seu amor, e moito de Anxo pola incansable solicitude dos seus coidados.
Unha muller que sendo moza, ten reflexión dunha anciá, e na vellez, traballa co vigor da mocidade.
Unha muller que sendo pobre, satisfaise coa felicidade dos que ama, e sendo rica, daría o seu tesouro por non sufrir no seu corazón a ferida da ingratitude.
Unha muller que mentres vive, non a sabemos estimar, porque ao seu carón esquécense todas as dores, pero, despois de morta, dariamos todo o que somos e todo o que temos por mirala de novo un só instante, e por recibir dela un só abrazo.
Desa muller non me esixades o seu nome, se non queredes que empape de bágoas as vosas fazulas e as miñas.
Cando crezan os vosos fillos, lédelles esta páxina, e eles, cubrindo de bicos a vosa fronte, diranvos que un humilde ancián deixou para vós e para eles, un bosquexo do retrato da súa nai e da vosa.
Efectivamente, así son as vosas nais que aínda tedes, e así foron as nosas, que xa nos deixaron. Que precioso agasallo nos fixo o Señor, dándonos a nai que nos deu!. Valorémola; imitémola; aprendamos dela, e non esquezamos o que nos ensinou. Mentres está connosco, fagámola feliz e correspondamos ás súas delicadezas. E os que xa a perdemos, comprazámola, levando á práctica o que dela aprendemos. Se así o facemos, un mundo mellor enriquecerá a nosa historia.
Indalecio Gómez
Cóengo da Catedral