Xa está ás portas o Nadal. Como sucede cos grandes acontecementos históricos, non é doadopermanecer indiferente ante el. Aínda aos máis indiferentes ante o feito relixioso, resultaralles hoxe difícil illarse socialmente, do feito histórico en si. Porque o feito en si, máis aló das orixes das nosas celebracións, é que para o cristianismo, Xesús de Nazaret é o Fillo de Deus. Un Deus que se fixo realmente carne débil, fráxil e vulnerable como a nosa, solidario en todo connosco, menos no pecado. Esta é a realidade do misterio da Encarnación. Esta é o verdadeiro Nadal. Un Deus que deixando de ser inaccesible, pechado no seu Misterio, deuse a coñecer e ensinounos o seu rostro.
Por todo iso os cristiáns celebramos este acontecemento con alegría e gozo. Pero, como cidadáns, non somos alleos ás tentacións típicas do ser humano: o ruído, o consumo desmedido, a perversión do Misterio orixinal, a esaxeración da exterioridade como expresión da ausencia de interioridade na nosa existencia; ou ata a consideración de Deus como un estorbo para a nosa felicidade, etc. Por iso é bo preguntarse: como recuperar a novidade única e irrepetible do Nadal?
O Papa Francisco regalábanos para este Nadal unhas pautas, que fago miñas, e que nos poden axudar para recuperar o Nadal máis orixinal e auténtico. Partindo de que soe ser unha festa ruidosa, invítanos ao silencio para escoitar a voz do Amor Primeiro. E a continuación recorda o que é e debe ser o Nadal: «Nadal es ti cando decides nacer de novo cada día e deixas entrar a Deus na túa alma; o piñeiro do Nadal es ti cando resistes vigoroso aos ventos e dificultades da vida; os adornos do Nadal es ti cando adornas a túa vida coas cores das virtudes; as campás de Nadal es ti cando chamas, congregas e contribúes á unidade e á comuñón».
Resumindo, ti es luz de Nadal cando iluminas coa túa vida o camiño dos demais coa paciencia, a bondade, a alegría e a xenerosidade. Cando cantas ao mundo unha mensaxe de paz, de xustiza e de amor, ti convérteste nun anxo de Nadal; cando conduces a alguén polo camiño da reconciliación fraterna ou ao encontro con Deus, es estrela de Nadal. Ti e eu podemos ser harmonía, música, amizade, fraternidade, felicitación escrita nas mans cheas de obras boas; ti e eu podemos ser mesa de Nadal cando compartimos, cando acollemos nos nosos corazóns e nas nosas vidas, sen ruídos nin grandes celebracións, ao pobre e ao necesitado.
Finalmente, cando, no silencio da noite, acollemos na nosa existencia ao Deus que se nos regala, é e pode ser Nadal para todas as xentes de boa vontade.
A nosa felicitación e os nosos mellores desexos para todos.
Mario Vázquez Carballo