Hai acontecementos que, pola súa grandeza e creatividade, ben merece a pena que sexan coñecidos. E con moita máis razón se eses acontecementos parten da iniciativa popular, da ilusión duns veciños cargados de esperanza e coas pretensións propias de desexar facer o ben, congregar as familias, e contribuír a unha sociedade mellor e máis feliz.
A festa do Día da Sagrada Familia celebrada o 28 de decembro na Igrexa de España e, na Diocese de Lugo, na pequena parroquia rural de Santa María de Teixeiro, é un froito maduro da unión e da colaboración da parroquia citada, e tamén, das de Santa Eulalia de Dumpín e de San Pedro de Arcos.
Contan que, o actual párroco, don Gerardo Sampayo, ía constatando, paseniñamente, e con moito desgasto, a desestructuración dalgunhas familias na bisbarra, e as dramáticas consecuencias ético-sociais, psicolóxicas e económicas que conleva. Tamén é verdade que este problema pódese extrapolar, por desgracia, a outros lugares e bisbarras de España. Consciente, o párroco e os fegreses, de que con lamentos non se arranxa nada, hai un ano, decidiron entronizar a imaxe da Sagrada Familia en Santa María de Teixeiro. Para esta celebración invitaron ao Bispo, celebraron a Eucaristía, e fixeron unha festa de fraternidade. Todo un símbolo e unha homenaxe ás parellas e ás familias que son capaces, ano tras ano, de amarse de verdade, conservar a fidelidade e a paz, evitar calquera conflito e educar serenamente e con paciencia aos seus fillos.
O día vinteoito a festa engrandeceuse en concorrencia e celebracións. Contou co apoio dos alcaldes da zona, do señor alcalde de Lugo, coa presenza do Cardeal Emérito de Madrid, Monseñor don Antonio María Rouco Varela, e coa dos bispos de Lugo e Mondoñedo. Xa sei, dirán algúns, que estes acontecementos son coma foguetes que leva o vento: «pasou o día, pasou a romería», pero a vida, a felicidade das persoas, e as cousas grandes como son os proxectosda familia, construénse día a día, con actitudes e feitos pequeniños que son capaces de engradecer espiritualmente e de encher de sentido a `igrexa doméstica’, a célula básica de toda sociedade, que sostén, garante e fai posible a existencia de países civilizados, estables, felices e grandes. A crise que estamos pasando, sopórtase, sen dúbida, grazas á fortaleza e á solidariedade de moita xente e das familias. ‘
Teixeiro, lugar de encontro, de convivencia, de xuntanza, de paz… de futuro. Ogallá que en moitos lugares da terra se honre axeitadamente ás familias, á vida, e á felicidade.
J. Mario Vázquez Carballo,
Vicario xeral
¡Aleluia! por esa boa idea de celebración e tamén por comunicala.Se desde o que aconteceu en Belén ninguén o comunicara tampouco coñeceriamos hoxe o Misterio de Salvación protagonizado por aquela Sagrada Familia…
Graciñas polo empeño en seguir sendo testimonio e BOA NOTICIA.
Con gratitude.Rosario