Nadal

Celebramos nestas datas o Misterio do Nadal, a festa  do Deus “empequenecido” na humanidade, capaz de ser apertado, bicado, “comprendido”.

E celebrámolo na familia, no fogar, ese lugar onde ti mais eu podemos ser o que somos sen medo a xuízos ou incomprensións, sen enmascarar as nosas miserias, con “dereito” a equivocarnos.

¡Fermosas datas onde a luz ilumina a esta humanidade que por veces parece de trapo!

Deixemos que os nosos corazóns se abranden neste Nadal pola presenza do Amor dos amores. Retiremos o pó que teñamos na nosa fe e voltemos á nosa infancia (tamén espiritual) na que Xesús tiña un bo oco no pesebre do noso día a día.

Enxendremos coa forza do Espírito Santo, como a Virxe María, a luz que precisamos: a luz que ilumine a nosa intelixencia e nos libere dos nosos pecados, manías e miserias, a luz que fortaleza a vontade, o coraxe e o desexo de loitar por enriba das desgrazas e desatinos, a luz que nos permita recoñecer con ledicia o que somos sen enganarnos nin a nós mesmos, a luz que nos dea a capacidade de esperar, ás veces contra toda esperanza, a luz que nos conceda a graza de ser a paz de cada xornada. Enxendremos á Luz, Xesucristo.

Estamos de festa! Que a tenrura de Deus inunde as nosas casas, a nosa terra, ás nosas xentes; e ilumine a nosa existencia.

Marcos Torres

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: