89 peregrinos que veñen de Sevilla coa Delegación de Pastoral Xuvenil están facendo a Vía da Prata desde o día 19. Pasaron por Lalín, Bandeira, Lestedo… e chegarán a Santiago o día 24.
Organizada pola pastoral xuvenil de Cádiz-Ceuta hai outra peregrinación polo Camiño de Santiago desde Fisterra. Os días 23 e 24 de xullo adícanos á viaxe en autobús ata Galicia. Tras visitar Fisterra, os peregrinos encomendaránse ao Apóstolo e seguirán ata Ézaro, onde comezarán a camiñar seguindo estas etapas: Ézaro – Carnota – Muros – Serra de Outes – Negreira – Santiago, onde chegarán o 31 de xullo.
O día 26 de xullo, 800 mozos/as de Madrid, tras celebrar laudes en San Juan de la Cruz, parten cara a Lugo, onde asistirán a unha Eucaristía na Catedral ás 17h, acto aberto a todos os mozos e mozas da Diocese e aos sacerdotes. Trala misa un grupo sae cara a Navia e outro cara a Luarca e logo farán as seguintes etapas Ribadeo – Lourenzá – Mondoñedo – Abadín – Vilalba – Guitiriz – Sobrado dos Monxes – Arzúa – Monte do Gozo – Santiago.
Estes son algúns exemplos das peregrinacións organizadas pola pastoral xuvenil española, moitas delas confluirán en Santiago o día 6 de agosto para conmemorar os 25 anos pasados desde a Xornada Mundial da Xuventude celebrada en Compostela.