Morte

Cando a morte entra nunha casa, o fogar énchese de loito e o corazón de tristeza. A razón é que os sentimentos non dependen da vontade, senón dos acontecementos que os provocan. Cando nos visita a morte, veñen á nosa memoria as lembranzas que depositaron o primeiro bico na nosa fronte e os sentimentos de pracer que provocaron en nós as delicadezas das persoas próximas.

Non podemos deixar de lembrar que as nosas vidas discorreron entre vínculos de afecto que moitos seres que Deus vai poñendo no noso camiño: o afecto dos nosos pais; a convivencia dos nosos irmáns; o que nos ensinaron os nosos educadores. Puideron doernos, pero agora énchennos de gratitude, polo ben que nos fixeron.

Todo isto lémbranos o clima de afecto en que fomos crecendo na vida. Pero cando a morte fai acto de presenza no noso fogar, ese clima esvaécese, porque o afecto pide presenza e busca a proximidade dos seres queridos, pero a morte marca distancia entre eles e nós. Vén entón o loito para o noso fogar e a dor fere os nosos corazóns, así como o ben que nos fixeron felices nos anos discorridos.

Dor e gratitude crúzanse no noso camiño. A dor expresámola coa indumentaria lutuosa que vestimos nas honras fúnebres do enterramento do defunto; e a nosa esperanza e agradecemento ás persoas que nos expresaron o seu pésame, manifestámolo depositando flores sobre a tumba dos nosos defuntos. É a expresión do noso sentimento no enterramento dos nosos seres queridos. Non podemos evitalo porque os sentimentos, repito, non dependen da nosa vontade senón do signo do acontecemento que os motivou, e agradecemos sinceramente a condolencia dos amigos, porque as penas a medias son medias penas.

Isto non podemos evitalo, porque somos seres humanos, e os sentimentos humanos acompáñannos. Pero tamén somos cristiáns, e para un crente, os defuntos non son uns desaparecidos senón uns sobreviventes, cos cales volveremos atoparnos na resurrección dos mortos.

Neste tempo de espera encomendémolos ao Señor, porque aínda que de momento non están no noso fogar, están no noso corazón e nós no seu.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: