Estes días tiven a fortuna de charlar con compañeiros psicólogos sobre a intervención en situacións de crise e particularmente, a que estamos a vivir. Contan que a experiencia das familias que con frecuencia están a vivir situacións moi duras, a maioría das veces, é de comprensión, de valoración do traballo e de agradecemento profundo polas persoas que puxeron no seu camiño. E é que, no medio da dor e a poucas horas da situación do trauma, sábese que o que ocorre (positivo ou negativo) ten impacto no procesamento a longo prazo. Así que o que fan os sanitarios e outras persoas ten moita importancia na vivencia das persoas.
Sábese tamén, por outras epidemias, que os profesionais da sanidade que están en primeira liña sofren moito impacto e se o goberno, as institucións, outros profesionais etc. non lles ofrecemos o coidado que requiren, é posible que moitos desenvolvan problemas de saúde mental. Os psicólogos que interveñen en crises están preocupados por chegar a eles e hai servizos que se poñen en marcha, pero non están lográndoo de xeito suficiente. Os médicos, enfermeiras, auxiliares, persoal de residencias, teñen moitos factores de tensións: adaptación a áreas de especialización que non controlan, falta de recursos sanitarios, informacións e protocolos en permanente cambio, a propia afectación, corentena e culpa por non poder axudar ou contaxiar, problemas éticos, desbordamento, a sensación de non poder co desconsolo das familias, etc. Estes profesionais requiren ser escoitados, ter ventilación emocional con persoas axeitadas, contexto seguro e de confianza, reforzo e agradecemento. E para iso, deben pedir axuda. Por que non se chega a eles? Parece ser que os profesionais sanitarios son un dos colectivos aos que máis custa solicitar e recibir axuda de saúde mental.
A crise do covid vai durar, e haberá moitos altibaixos. Cambiarán moitas cousas. Cando pasa a enfermidade, veñen as corentenas, confinamentos, desemprego, problemas económicos, problemas familiares, dós, situacións estresantes. E ninguén estamos “fóra”. A tensión continuada ten riscos importantes se non se dá resposta ás necesidades, compártese información construtiva, foméntase o contacto e a vinculación social.
Fai falta unha resposta comunitaria política que faga chegar solucións aos máis empobrecidos, ás familias sen vivenda digna, aos máis machucados, e aos profesionais de primeira liña (sanitarios, limpadores, caixeiras, repartidores, persoal de cociñas, policías, celadores…) que están a traballar en situacións moi estresantes e en ocasións, de explotación. Este artigo vai dedicado aos sanitarios e aos seus responsables políticos. Son momentos fundamentais para a saúde pública e para a saúde mental da poboación.
Cristina Bandín
Psicóloga colaboradora do Centro de Orientación Familiar Diocesano (COF)
O COF Diocesano reinicia a atención presencial o martes 19 de maio