Hai uns meses, durante o confinamento, un famoso ciclista italiano, Davide Martinelli, presentouse voluntario no seu pobo de Lodetto para repartir medicamentos e comida entre as persoas necesitadas, especialmente os anciáns que non podían saír dos seus fogares. As súas palabras dino todo: “Teño unha bicicleta, dúas pernas agora pouco adestradas e unha mochila. É unha honra poder ir á farmacia a recoller medicamentos para unha parella de anciáns”. Este xesto, unido a outros moitos, lémbrannos que hai persoas decididas a facer das súas vidas un canto de amor aos demais e compromiso cos pobres.
Entre estes cantores están os misioneiros. Moitos deles están á fronte de comunidades onde a covid cebouse especialmente coa xente. Pensemos en Perú, Brasil, India, Bolivia, Sudáfrica… e tantos outros países onde, a esta pandemia debemos engadirlle a fame, a guerra ou a violencia, entre outras pragas. Que fan os misioneiros? Sobre todo, acompañar, non deixar soa á xente nestas circunstancias tan complicadas, facerse próximo e infundir esperanza. Os misioneiros están á fronte de comedores sociais, roupeiros, dispensarios, hospitais, escolas, e nas súas parroquias predícase unha mensaxe de amor moi necesaria nestes tempos: Deus non nos deixa sós, o seu amor segue sendo a forza que sustenta á humanidade a mirar o presente cun compromiso en favor dos pobres e o futuro con esperanza.
Un misioneiro sabe que o Evanxeo non pode ser virtual, pois Deus non nolo fixo chegar virtualmente desde o ceo, senón que se encarnou; sabe que o amor non coñece fronteiras, pois Deus non fai distinción, senón que todos somos os seus fillos. Viven a mesma vida que vive a xente: se o pobo ten que estar confinado, eles tamén o estarán, se enferma, eles tamén enfermarán; se pasa fame, eles faranse os máis pobres; se sofre a violencia, poranse diante para defendelo, sabendo que a van a sufrir eles. A todo iso móvelles a fe no Deus da vida e o amor aos pobres deste mundo. Responden “aquí estou” á chamada permanente de Deus: “A quen enviarei para aliviar o sufrimento dos meus fillos?”.
O Domund lémbranos que os misioneiros continúan acompañando, infundindo ánimo e esperanza, anunciando o Evanxeo e sementando fraternidade. Todos os cristiáns estamos chamados este día a alzar a nosa oración agradecida e a prover unha axuda económica para que poidan continuar coa súa misión. É un pequeno xesto de fe, humanidade e fraternidade que nos lembra que o noso próximo é todo aquel que necesite axuda, sen que a distancia, a relixión ou a cor da pel sexan unha dificultade.
Non sei se Davide Martinelli é crente ou non. O seu pequeno xesto de humanidade, unido ao de tantos outros e ao dos misioneiros, devolven a esperanza nesta humanidade. Hai futuro mentres sigamos sementando Evanxeo e humanidade no corazón das xentes e sigamos respondendo: “Aquí estou, envíame”.
Jesús Manuel Santiago
Delegado de Misións. Diocese de Lugo