O domingo, día 20 de marzo, terá lugar na parroquia de Santa María de Pacios, do concello de O Incio, a celebración dunha Misa presidida polo Sr. Bispo da Diocese de Lugo, D. Alfonso Carrasco Rouco, na que participará o Coro Interparroquial do sacerdote D. Julio Fernández Doval.
O motivo é o da inauguración das obras de restauración da igrexa parroquial e terá lugar ás 13:00 horas.
As obras comezaron a principios do verán do ano 2010, e remataron no mes de marzo deste ano. O edificio estaba bastante mal, ata lle faltaba subministro eléctrico. Houbo que arranxar o tellado, os muros, o campanario, toda a carpintería de madeira do edificio e facer unha instalación de alumeado.
Os veciños e o sacerdote, Julio Fernández Doval, tamén aportaron parte do seu traballo para que a restauración rematase con éxito e a tempo para o día da Pascua, que é cando celebran en Santa María de Pacios as súas festas patronais.
Os gastos das obras serán sufragadas polo Bispado de Lugo e polos veciños. A subministración de electricidade foi un dos primeiros traballos que se levou a cabo grazas as xestións e colaboración do concello de O Incio.
As obras realizadas supuxeron un desembolso económico importante, polo que desta vez non se puideron restaurar nin os retablos nin as imaxes, que tamén están bastante danadas.
Ao remate da celebración da misa todos os veciños asistirán a unha comida de confraternidade.