Leva baixa a cabeza e elude mirar de fronte. Quere pasar desapercibida. Non desexaría estar alí. Ninguén o desexa. Ela chama a atención nese lugar porque o seu aspecto non responde aos cánones establecidos, eses que levamos arraigados demasiado dentro e cos que etiquetamos, querendo ou sen querer, aos demais. A poucos lles contou que lle pasou, esa confianza só a depositou en quen a gañou. En quen non xulga a súa situación, o seu aspecto, ou a ela mesma.
Os que agardan ao seu carón tampouco a miran. Algúns coñécense entre eles, outros son unicamente compañeiros de circunstancia. Cada un ten a súa propia historia. Agardan pacientes. Ata na desgraza é necesario gardar a vez. A cola vai avanzando lentamente. Só cando se abre a porta cesa o murmurio que acompaña a espera. Tralo limiar agardan que alguén por fin lles poña a ansiada tiriña que corte a hemorraxia do desalento. Que lles dea solución a esa cadea de despropósitos que nunca cesa.
Ela aínda non sabe como puido ocorrerlle isto. Pero o certo é que tampouco o sabe ninguén dos que están ao seu lado. Algúns nin sequera coñecen outra realidade, non saben e, quizais, tampouco chegarán a saber que significa ter unha oportunidade. Os seus berros de desesperación han ir aos poucos dando paso a simples queixumes, ata quedar apagados nese buraco escuro que o está tragando todo. Xa deixou de buscar culpables. Dá igual quen gañe na balanza da responsabilidade porque o pateo non enche a neveira ou paga o aluguer.
Chega a súa quenda. Séntese fráxil e triste. Desesperada e perdida. Ignorada e defraudada. Desexa que trala porta agarde a esperanza, transformada en solidariedade xenerosa que axude a erguerse e continuar. Ela e os que agardan alí necesítana. Pero, como eles, tamén a necesitamos os que ignoramos a nosa responsabilidade pero esixímola doutros, os que nos tragamos a dignidade dos nosos irmáns. Os que nos indignamos e criticamos pero non facemos nada. Os que lavamos a nosa conciencia con míseras migallas. Os que clamamos xustiza pero sen meternos no charco. Os que pensamos que a miseria só é unha situación económica. Os que nos esquecemos do Amor.
A porta da Caridade, da Fraternidade, está aberta para todos. É o único xeito posible de continuar adiante. Hai esperanza porque son moitos os que se decataron de que só arremangándose, mirando aos ollos ao irmán, traballando e soñando é posible construír algo mellor. Grazas a Deus son moitos os que van pola vida descalzos, porque saben que están pisando terra sagrada; a terra que pisan os que aquí son considerados os últimos pero alí son e serán os primeiros. A súa esperanza é realmente a nosa única esperanza.
María José Campo López-Barcia
Directora da Oficina de Prensa do Bispado de Lugo