“Quen se pon en camiño para practicar o ben, achégase a Deus, e xa é sostido por El, porque é propio da dinámica da luz divina iluminar os nosos ollos cando camiñamos cara á plenitude do amor”. Así di o texto da Lumen Fidei (n. 35) escollido para este comentario.
Facer o ben e camiñar cara á plenitude do amor, é algo que só poderemos conseguir, satisfactoriamente, se consideramos que Deus é a única fonte do amor e do ben.
A Sagrada Escritura fálanos con frecuencia de que Deus é amor. Xesucristo insístenos no Mandamento do Amor. Benedito XVI escribiu unha encíclica titulada Deus Caritas est, (Deus é Amor).
E o mundo actual está moi sensibilizado coa importancia de axudar aos máis necesitados da sociedade, ou, dito con outras palabras, co exercicio da caridade. Pero non nos podemos enganar nisto. A solidariedade está moi ben, pero isto é ao máximo que podemos chegar por un sentimento máis ou menos humanitario.
Do que de verdade está necesitado o mundo é de fraternidade, de que, dunha vez por todas, todos nos consideremos irmáns ata as últimas consecuencias.
Para ser irmáns temos que ser fillos dun mesmo pai, e só Deus é capaz de ser pai de toda a humanidade, precisamente polo que nos di Francisco na cita de hoxe, porque El é a plenitude do amor, porque El é amor infinito.
Con Deus ao noso carón facer o camiño do ben é outra cousa.
Miguel Ángel Álvarez Pérez