As celebracións do Corpus resoan en Lugo dunha forma especial. É verdade que noutros tempos tiveron moita máis importancia a nivel da vida social da cidade, e tamén é verdade que nos últimos anos están a facerse esforzos para devolver toda a súa importancia ás celebracións ao redor de Xesús Sacramentado, pois, non en balde, é o propio de Lugo, e por iso tamén se lle chama a “Cidade do Sacramento”. Os lucenses aínda non nos decatamos da riqueza que supón a presenza real de Xesucristo na Eucaristía. Unha cidade con Deus no centro non ten nada que temer, aínda que, como sempre, haberá quen pense que todo iso non está de moda, e que o mellor é recuperar outras “tradicións” como o Arde Lucus que, por certo, nunca existiu, e no que se venera a outros deuses que nada bo achegan á cidade excepto un pouco de diñeiro extra a uns cantos negocios…, pero iso é fariña doutro costal.
Volvamos ao noso. Unido á Eucaristía está o exercicio da caridade. Non é algo complementario ou secundario. É esencial ao mesmo ser de cristiáns e membros da Igrexa. Deixouno ben claro Xesucristo cando a noite da Última Cea cinguiuse unha toalla e lavou os pés aos apóstolos.
Hoxe está de moda axudar aos pobres, pertencer a unha ONG. Doar o diñeiro dun premio para Cáritas ou calquera outra organización benéfica está moi ben visto. É guai axudar aos necesitados e, ademais, un queda coa conciencia moi tranquila. Se puidesen ver a miña cara no momento de redactar estas liñas decataríanse de que isto vai con moita ironía.
Imos ver, alguén pensou algunha vez por que facemos ou debemos facer caridade?, porque, se o motivo é só un mandato, ou o que é algo guai, ou porque un queda moi a gusto e encima ben visto polos demais, xa lles digo que estamos mexando fóra de testo. Se estes son os motivos seguramente que pronto cansaremos de facer caridade ou farémola simplemente por compromiso, pero non por un motivo serio.
O que nos move a ser caritativos provén do mesmo Deus e do destino que o ten preparado para a humanidade. Xesucristo fálanos con palabras de vida eterna, fálanos de que se vai a prepararnos sitio a un mundo novo onde non hai nin pranto, nin loito, nin dor nin pobreza. Iso é o que esperamos e desexamos: ser creados de novo para a eternidade e a súa perfección, para gozar dunha vida eterna e plenamente feliz, sen ningún tipo de carencia, imperfección e pobreza.
E esta é a clave. Se o que nos espera é un mundo novo de ben e amor perfectos, o lóxico é que tratemos de vivir xa desde agora a novidade desa vida. Por iso, ao estilo de Xesucristo, tratamos de adiantar a este momento, a esta vida e a este mundo o que será despois. Cando facemos o ben, cando somos caritativos, cando axudamos ao pobre do tipo que sexa, o que estamos a facer é adiantar a vida do ceo a este momento.
Se isto é o que nos move, entón é que de verdade nos atopamos con Deus e sobre todo estamos a facer as cousas con sentido e non só porque sexan guais e estean ben vistas polos demais.
Miguel Ángel Álvarez Pérez.
Editorial El Espejo de la Iglesia-COPE Lugo