Levamos dúas semanas facendo o camiño luminoso do Advento. E de camiño e de luz fala abundantemente a encíclica. Lumen FIdei
No número 35 dinos que “o camiño do home relixioso pasa pola confesión dun Deus que se preocupa del e que non é inaccesible”. (LF35) e que “Deus é luminoso, e déixase atopar por aqueles que o buscan con sincero corazón”. (LF 35).
Nisto, empeñamos os nosos esforzos, durante este tempo de graza e preparación, que nos ofrece a Igrexa para celebrar o Nadal.
Un camiño que facemos comunitariamente para atoparnos cun Deus luminoso que, lonxe de ser inaccesible, xa saíu ao noso encontro moito antes de que nós o busquemos.
Así é o Deus de Xesucristo, un Deus que se preocupa de nós, que non se esconde, que se revela plenamente, que non anda nas tebras, que se manifesta ás persoas, sobre todo cando o buscamos con sincero corazón.
De cada un depende o facerlle un sitio na nosa vida. No medio de tantas cousas e tantas ocupacións, facilmente esquecemos a quen, de verdade, se preocupa por nós até as últimas consecuencias…
Miguel Ángel Álvarez Pérez