Evidentemente non todas as viaxes son por autoestrada. Algunhas veces toca un camiño cheo de pedras; pero aínda así é un camiño que nos leva ao destino desexado.
De igual modo, para bastantes persoas o camiño da fe está cheo de sufrimentos e de escuridades.
O Papa na encíclica Lumen Fidei non esquece os contratempos que podemos atoparnos na nosa peregrinación vital.
Vexamos dous breves textos do número 57:
A luz da fe non nos leva a esquecer os sufrimentos do mundo. Cantos homes e mulleres de fe recibiron luz das persoas que sofren! (LF 57).
A luz da fe non disipa todas as nosas tebras, senón que, como unha lámpada, guía os nosos pasos na noite, e isto abonda para camiñar. (LF 57).
Sorprende como podemos atopar no mundo da dor e a escuridade verdadeiros testemuños da fe. Hai persoas que na súa dor e sufrimento, sexa polo motivo que sexa, vense especialmente próximas a Deus e así son axuda para os demais. Cantas persoas ofrecen os seus sufrimentos a Deus polo mundo como a mellor das oracións!
A fe, como os faros dun coche, ilumina e guía os nosos pasos tanto, cando imos de día e por autoestrada, como cando toca facer o camiño por unha pista forestal e no medio da noite.
Con estas liñas chegamos a final dos comentarios á Lumen Fidei. Foron unhas breves pincelas pasadas pola reflexión deste servidor. Evidentemente, o Papa dixo moitas máis cousas. Unha vez máis, convido e animo a ler a encíclica. É un texto breve e áxil que, sen dúbida, faranos ver as marabillas que nos achega a fe e axudaranos a camiñar, como auténticos irmáns, cara ao encontro con Xesucristo
Miguel Ángel Álvarez Pérez