O 26 de maio ás 19:30h no Centro Social Uxío Novoneyra de Lugo houbo unha mesa redonda organizada pola pastoral penal da Diocese e a asociación Alén da Reinserción.
-
A directora de programas de Aliad Ultreia, Fátima Estua García, falou dos obradoiros para preparar a vida en liberdade, do piso de acollida para presos de permiso, dos itinerarios individualizados de inclusión e da intervención no contexto para promover iniciativas de cambio.
-
A Secretaria xeral de Cáritas Diocesana de Lugo, Mónica Yáñez Devesa, tamén foi enumerando a longa lista de programas que leva a cabo a entidade. Explicou que se centran na persoa, que é a protagonista, e tamén en como evitar a cronificación da situación desfavorecida.
-
O Director do Centro Penitenciario de Bonxe, Álvaro Nuevo García, distinguíu 3 posturas ante a prisión: ademais da oficial, retribucionista, está a opción abolicionista (por considerar, por exemplo, que o cárcere non reinserta) e a postura de quen pide encarceramento por todo.
-
O técnico do Programa Reincorpora de Emprego para reclusos de Cruz Vermella, Marcos Rodríguez Vila, cando presenta a un recluso aos empresarios, desexa que quede clara a diferencia entre “ser” e “estar”: o empresario non ten diante a alguén que é un preso, senón que está preso, pero é un bo encofrador, un bo gandeiro… porque así é.
-
A técnica do Programa de Drogodependentes en institucións penitenciarias de Cruz Vermella, Montserrat García Orozco, falou dos plans personalizados que se aplican aos toxicómanos e que ao éxito de tales plans contribúe a coordinación diaria cos educadores da prisión, os médicos, os traballadores sociais, os funcionarios.