O luns día 20, con motivo do Domingo da Palabra convocado polo Papa para o 3º domingo do tempo ordinario, tivo lugar un encontro no Seminario co tema “A fontalidade da Palabra de Deus”.
O párroco de San Francisco Xavier, Jesús Fernández Aira, foi o primeiro en intervir, e sinalou que a Palabra é fonte na vida eclesial cotiá, na catequese, na vida dos laicos, na oración (lectura orante da Palabra de Deus), no compromiso no mundo e na cultura.
A continuación, o Delegado de Misións, Jesús Manuel Santiago Vázquez, falou da tradución da Biblia, algo que está feito na actualidade a 430 idiomas (a 1144 linguas no caso do Novo Testamento). E presentou o labor dos relixiosos ao longo da historia, destacando a San Cirilo e San Metodio (linguas eslavas), os xesuítas (linguas de Asia), os misioneiros en América (traducindo a Biblia ao nahuatl) e en África (ao suahili).
Finalmente o comboniano José Rafael Pérez deu a súa visión do tema: a Igrexa nace da Palabra e da Igrexa xorde a misión. Á súa vez, na actividade misioneira resulta central a Palabra de Deus, e non se pode entender unha sen a outra. Para Rafael Pérez o mellor misioneiro non é o que ten máis coñecementos ou máis rectitude, senón aquel que viviu a experiencia do encontro co Amado e desde a verdade que hai na Palabra, transforma a súa vida.
Foi un acto organizado pola Delegación de Misións e o Movemento Bíblico.
[Subsidio para a celebración do III domingo do tempo ordinario]
[Subsidio para la celebración del III domingo del tiempo ordinario]