Na Eucaristía de acción de grazas que se celebrou o 4 de xuño na Catedral de Lugo con motivo dos 50 anos da fundación de Cáritas diocesana, o secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada e Sociedades de Vida Apostólica, Mons. Rodríguez Carballo, leu a mensaxe que o papa Francisco quixo enviar á comunidade diocesana de Lugo con este motivo.
Despois de saudar ao Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, e ao director de Cáritas diocesana, Ginés Plaza, aos traballadores e voluntarios desta institución o Papa Francisco, en palabras de San Ignacio, lembrounos que: “Deus traballa por nós”. A Súa Santidade manifesta na mensaxe que “a evanxelización dirixida gratuitamente aos pobres é signo do reino que Deus veu a traer”; e que “fe e caridade van da man porque o amor compróbase máis coas obras que nas palabras”.
Tamén tivo palabras de alento cara aos que colaboran activamente na Cáritas diocesana de Lugo animando a sexan “valentes para expresar o amor de Deus con formas novas e creativas. Saíde de estruturas que vos impidan comunicar esta caridade sen medida e ata o extremo. Sede casa aberta do Pai da misericordia, sede Igrexa en saída e non esperedes que os pobres chamen ás vosas portas”.
Por último o Papa afirmou que “a situación de pobreza hoxe alcanza niveis inadmisibles”, e por iso en necesario dicir: “NON! a unha economía de exclusión e de inequidade”
Ademais de eloxiar os distintos programas que Cáritas diocesana de Lugo ten en marcha, o Santo Padre animou aos voluntarios e traballadores de Cáritas “a crear novas plataformas que posibiliten maior amor e servizo aos irmáns”.