O 21 de xullo de 2021 o Goberno aprobou o Proxecto de Lei de Memoria Democrática para a súa defensa. Arredor desta lei óense moitos slogans, manipulacións, frases grandiosas e baleiras de contido… A cuestión relevante é: que memoria democrática quedará da actuación deste Goberno? Para iso convén ter claro o que é unha democracia e como se debe exercer o poder democraticamente. As esixencias teñen que ser as mesmas, tanto para os partidos máis afíns como para os máis opostos.
A democracia deféndese sobre todo exercendo o poder democraticamente con respecto aos dereitos dos demais, e iso vai ser a memoria democrática real que queda “na memoria”. Por iso entendo que é necesario ter claro polo menos o seguinte:
1) A democracia como a mellor forma de goberno das sociedades xustifícase por si mesma. Isto é así para a inmensa maioría dos cidadáns, pois nesta faise un exercicio do poder máis xusto e adecuado á condición humana que o de calquera ditadura ou despotismo ilustrado. A democracia é máis respectuosa coa liberdade e co protagonismo das persoas para construír a sociedade futura coa colaboración de todos.
2) Defender a democracia por medio de leis penais, de leis represivas, manifesta que non se cre que este sistema de goberno sexa o mellor posible ou, o que aínda é peor, que non se está exercendo o poder de xeito democrático. Neste caso o gobernante considérase o único propietario lexítimo do poder e, por tanto, os adversarios son inimigos da democracia e, aínda que fosen elixidos polo pobo, non os consideran gobernantes lexítimos, por iso pretenden reprimilos. Neste senso pode iluminarnos aquela viñeta da revista El Hermano Lobo na que un político dicía nun mitin: “Ou eu ou o caos”, e a xente contestáballe: “o caos, o caos”, entón el concluía: “É o mesmo, o caos sono eu”.
3) Na democracia os gobernantes son servidores do pobo, non xefes de súbditos. Isto maniféstase no exercicio do poder na medida en que respectan aos cidadáns e se comportan democraticamente. Así é importante ver se realmente respectan a separación de poderes, as institucións sociais e os dereitos dos cidadáns (das persoas e das minorías, familias e asociacións). Todos os cidadáns, individualmente ou agrupados, teñen dereitos que o goberno debe respectar, que poden reclamarse nos tribunais ata chegar aos de fóra de España: o de Dereitos Humanos de Estrasburgo ou o da Unión Europea en Luxemburgo.
Para os demócratas é importante que lles quede na memoria consciente que ao goberno se lle pode limitar o seu abuso do poder e así o fixeron os tribunais. Por exemplo:
a) O Tribunal Supremo obrigou ao goberno a darlle ás Comunidades Autónomas o IVE que lles retivera (10-V-21), a que dese información sobre os seus asesores (14-II-21) e que as Comunidades Autónomas paralizasen decretos do Ministerio de Sanidade nos tribunais durante a pandemia do Covid.
b) O Tribunal Constitucional considerou parcialmente inconstitucional o decreto do 1º Estado de Alarma (14-VII-21) e igualmente o 2º (27-X-21), polo que houbo que anular moitas sancións que se aplicaron en base a el. Tamén declarou nulo o peche do Congreso dos Deputados (5-X-21) e anulou o decreto polo que o vicepresidente 2º entraba a formar parte do CNI (13-V-21). Igualmente o Tribunal Constitucional considerou non axustado a dereito como se fixaba o imposto ás plusvalías das vivendas.
Poderíanse citar máis sentenzas que anularon decisións gobernamentais e leis, pero abondan para que na nosa memoria democrática quede claro que un goberno non pode actuar caprichosamente, é dicir, sen aterse á xustiza, pois está ao servizo dos cidadáns e ten que respectar os seus dereitos, tanto os persoais coma os das súas agrupacións. En democracia os cidadáns persoalmente ou agrupados nas súas institucións poden recorrer aos tribunais contra os actos, decretos e leis promovidos polos gobernos que entendan que lesionan os seus dereitos. Para iso os pobres debemos ter presente que a forza dos febles radica na súa unión, na solidariedade, que xa o expresaba moi ben aquela pancarta do 3 de xullo de 1855 en Barcelona que dicía: ASOCIACIÓN OU MORTE! Illados non se sae da miseria e da opresión.
Así que das actuacións deste Goberno resulta que a “mellor” Memoria Democrática que queda é o feito de que os tribunais invalidaron varias decisións del, pois a súa actuación gobernamental abusaba dos cidadáns e doutras institucións. Estes feitos ensinan e serven máis aos demócratas que a previsible Lei de Memoria Democrática.
Antón Negro
Delegado Episcopal de Cáritas