Oh Deus, que ao consagrar a unión conxugal lle deches un significado tan grande, que nela prefiguraches a unión de Cristo coa Igrexa. (Bendición Nupcial)
Todo sabemos que o verán é un momento propicio para a celebración de vodas. Porque nun dos acontecementos máis importantes na vida das persoas tamén se busca que o bo tempo acompañe.
É normal que se forme algo de “barullo” antes e despois da celebración do sacramento. A xente está nerviosa e eufórica polo que non sempre se consegue ver ou comprender por que estamos dentro dunha igrexa celebrando a unión matrimonial dun home e unha muller.
E o cura que fai ese día? Un servidor tenta rezar mentres contempla as caras de todos (xunto co fotógrafo, somos os únicos que estamos a mirar de fronte aos noivos e aos convidados). E o que máis motiva a miña oración é o fragmento dunha das bendicións nupciais que encabeza estas liñas.
Non é calquera tipo de unión ou contrato. É unha imaxe da unión de Cristo coa Igrexa. É unha unión ao estilo de como Deus fai as cousas: unha entrega total para que o outro o sexa todo, renunciar a todo para que ao outro non lle falte nada. Deus entrégase totalmente, até a vida do seu Fillo. Os esposos renuncian a todo e entrégano todo.
É evidente que non son tempos fáciles, que estamos demasiado afeitos a que as cousas sexan caducas. Pero o proxecto de entregarse totalmente por unha persoa no matrimonio cristián, ou pola Igrexa na vida sacerdotal, non deixa de ser apaixonante polo que ten de inmensa xenerosidade.
Non se entende a entrega sacerdotal sen a presenza do Deus na vida do sacerdote. Sería un absurdo. Supoño que tamén é moi complicada a vida matrimonial se Deus non está no medio dos esposos.
Deus fainos dóciles e humildes. Deus convídanos a ser xenerosos e a entregarnos a El. Esta é a única forma de entregarnos totalmente aos demais.
Hoxe preséntolle ao Señor a todas as parellas que este ano casan na nosa Diocese. Encomendádeas nas vosas oracións.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán