Marisol Bravos recibe o premio José Castiñeira de Humanidades 2024

Representantes da familia Castiñeira entregan o premio a Marisol Bravos

O 27 de outubro celebrouse na Catedral o cabodano de D. Xosé Castiñeira. A continuación tivo lugar a ofrenda floral ante as tumbas de Xosé e Manuel Castiñeira e fíxose entrega no claustro, e por primeira vez este ano, do premio “José Castiñeira de Humanidades”. O xurado considerou merecedora a Marisol Bravos polo seu labor a prol das persoas con diversidade funcional, por dar exemplo permanente de integración e abrindo camiños.

Tras recibir a placa que a acredita como galardoada co devandito premio na 1ª edición, Marisol Bravos, referiuse á persoa que leva o nome do galardón e ao que ten representado a música para si mesma:

 Don Xosé Castiñeira para min era toda unha institución, e aquela imaxe que dirixía un coro, co que me gustaba cantaruxear, pois para min era unha persoa moi significativa. E agora ser a primeira persoa en recibir esta distinción e que se me asocie a don Xosé Castiñeira é un orgullo e unha emoción moi grande.

Quizais non imaxinan o que significou a música para min, E recibir unha distinción dunha entidade relacionada coa música era o mais desconcertante que me podia imaxinar.

Eu pola miña circunstancia física, unha polio de pequeniña, podía xogar menos. Entón a música foi sempre a miña compañeira nos meus veráns solitarios na aldea. Cando estudiaba eu estudiei tarareando cancións e os pequenos aforros que eu ía conseguindo despois de dar clases particulares e pagar a pensión dedicábaos a comprar música: cancións para os nenos, cando empecei a traballar, cancións de tipo relixioso.

E as palabras finais de Marisol Bravos foron as seguintes:

 De volver a repetir a miña historia non cambiaría nin unha coma, con todos os altos e baixos que tivo a miña vida. Eu quero rematar coas palabras do Salmo que di “o Señor está grande con nós e estamos alegres”. Vouno personalizar, e dicir: “o Señor está grande comigo e neste entorno, estou alegre, estou contenta”. Moitas grazas.

O Orfeón Lucense actuou na Misa de cabodano e trala entrega do premio

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: