En tempos dos primeiros cristiáns, segundo contan os Feitos dos Apóstolos (Feitos 2,46), había unha característica que chamaba poderosamente a atención de todos: a alegría.
Non é difícil comprender por que estaban alegres neses primeiros tempos. Estaba moi próximo o paso do Noso Señor Xesucristo entre eles. Cando se reunían na Eucaristía, algúns deles aínda terían o recordo de Xesús bendicindo o pan e repartíndoo. Tamén estaban alegres porque viran grandes prodixios e eran testemuñas fieis das marabillas que fixera Deus.
Hoxe, xa non é tan doado atopar a alegría. De feito, volveuse máis ben excepcional. Todo o mundo adoita ser áspero, impaciente, ás veces duro e non nos estraña coñecer a xente con amarguras e rostro desgustado. Pero os cristiáns temos un motivo fundamental para estar alegres: Somos fillos de Deus e nada nos debe turbar. Para a verdadeira alegría nunca son definitivas nin determinantes as circunstancias que nos rodeen, porque está fundamentada na fidelidade a Deus, no cumprimento do deber, en abrazar a Cruz.
Non podemos dar exemplo nin chamarnos cristiáns, se non damos exemplo ao mundo, se non transmitimos unha alegría profunda (interior e exterior). O cristián non pode ter o rostro arisco, non pode ter no seu corazón sentimentos intolerantes ou pesimistas. O noso primeiro motivo de alegría é a esperanza e a fe en Deus, o amor que nos ten e o que lle deamos debe facer brotar do noso corazón unha alegría sincera, completa. A alegría verdadeira, a que perdura por encima das contradicións e da dor. Pidamos a Xesús que nos conceda o don da ALEGRÍA.
Manuel Areán Fernández, párroco de San Clodio de Ribas de Sil
Gracias, Manuel, por estas palabras!