O día 10 de abril, ás oito da tarde, terá lugar o concerto “Música solidaria”. Será no Círculo das Artes, onde actuarán a Banda Sinfónica Cidade de Lugo, na súa primeira aparición pública, e a Coral Polifónica Xeral-Calde, dirixida por Fernando G. Jácome.
Os impulsores da iniciativa musical son Armando Morales, director da Escola Municipal de Música de Rábade, o profesor de percusión Efraím Díaz e o profesor de trompeta Adrián Lage. O director da Banda Municipal de Música de Lugo, Rosendo Ivorra, abrirá o concerto e despois cederá a batuta ao director invitado, Norman Milanés.
Os músicos participantes teñen unha formación académica importante. Entre eles hai profesores de conservatorios e escolas privadas e públicas, así como destacados alumnos. En total participarán uns corenta músicos de toda a provincia de Lugo e unha trintena de membros da Coral. Intervirá como solista o trompetista americano de orixe xaponesa John Aigi.
Neste primeiro concerto da Banda Sinfónica Cidade de Lugo realizarase un percorrido pola música de América: jazz estadounidense, ritmos mexicanos, cubanos e brasileiros. Tamén se tocarán clásicos (Entroido de Venecia) e pezas galegas (Soutullo, Xoán Montes).
As entradas (5 €) poden recollerse na Delegación de Mans Unidas na rúa da Cruz (nº 1-B, 1º) luns, mércores e venres de 11 a 13 horas e martes e xoves de 17:30 a 19:30 horas.