Durante esta penúltima semana de novembro Mans Unidas leva a cabo en toda España a acción “Acende a chama. 24 horas que moven o mundo”, para fomentar a solidariedade polo desenvolvemento auténtico de cada ser humano e, especialmente, dos máis pobres.
Na Diocese de Lugo esta acción faise en varias parroquias da cidade de Lugo, Sarria, Monforte e A Fonsagrada. Nesta última parroquia, Santa María da Fonsagrada únense a esta campaña o xoves 22 durante a adoración eucarística das sete e media da tarde. Coas candeas acesas presentaranlle ao Señor as necesidades de tantas persoas que no mundo pasan necesidade.
Na cidade de Lugo o acto será o sábado 24 durante a Eucaristía que se celebra ás 20h na Catedral.
A nova presidenta de Mans Unidas Lugo, Josefina Varela, asume o cargo “con gañas; ademais, está servíndose á Igrexa, que é o que nos move e o máis importante”.
Josefina Varela está ilusionada porque o ano que vén celébrase o 60 aniversario da organización, longa traxectoria que non se dá en moitas entidades humanitarias. E tamén está entregada á boa marcha dos proxectos que asume a Delegación de Lugo:
- Cinco sistemas de auga potable que beneficiarán a 956 familias de 4 comunidades de San Martin Jilotepeque, Guatemala
- Edificio con capacidade para 40 nenos orfos, e un tanque para a recollida da auga de choiva, na India.