Esta semana teñen lugar os actos da Campaña Contra a Fame que organiza Mans Unidas. Aínda que xa comezaron o luns da semana pasada cunha conferencia do capitán da Garda Civil Miguel Angel Iglesias, que falou sobre a muller e os dereitos humanos.
A misioneira Rosario Martínez está dando o seu testemuño por distintos puntos da Diocese. Por exemplo, o xoves 7 de febreiro pola mañá estará no Colexio da Fonsagrada e pola tarde na Parroquia, primeiro cos nenos da catequese e despois na Eucaristía. No arciprestado da Fonsagrada hai un grupo formado por voluntarias de Mans Unidas que desenvolve actividades de sensibilización ao longo de ano, especialmente no Colexio, onde sempre teñen moi boa acollida as súas propostas.
Na cidade de Lugo o venres terá lugar a tradicional «cea da fame». Os actos serán no Seminario Diocesano e comezarán ás 5 da tarde coa presentación da campaña e o testemuño da misioneira, despois a celebración da Eucaristía e, por último, o café solidario. O donativo que se pide é de 5 €.
Desde Mans Unidas chámasenos á solidariedade para financiar os dous proxectos que van realizar no Terceiro Mundo. A colecta do próximo domingo será destinará a este fin. Pero ademais de diñeiro, Mans Unidas tamén necesita máis voluntariado como un reforzo para apoiar e organizar novas actividades. As portas están abertas para todo o mundo. Ás veces, só cunha pequena presenza ou a simple axuda para a distribución de materiais xa se fai un gran labor.
Miguel Ángel Álvarez
Imaxe: cathopic