O sábado 12 de novembro, a partir das oito da tarde, comeza a décima edición de “24 horas para iluminar o mundo”, iniciativa de sensibilización que Mans Unidas desenvolve co obxectivo de iluminar virtualmente o planeta para acabar, xuntos, coas partes ensombrecidas do mundo actual, causadas pola fame e as inxustizas.
O citado día (12 de novembro, 20 h) celébrase unha Eucaristía, retransmitida pola canle de YouTube da organización desde a igrexa conventual de San Francisco, en Santiago de Compostela. Estará presidida polo bispo auxiliar da arquidiocese, D. Francisco José Prieto, e contará coa presenza do vicepresidente de Mans Unidas, D. José Valero, así como das catro presidentas-delegadas de Galicia, en representación das 72 delegacións da organización
Lerase o Manifesto 2022 (especialmente dedicado á unión entre luz, xustiza e paz) e acenderase unha vela, símbolo de esperanza, de unión entre persoas e pobos, de solidariedade e fraternidade.
E desde ese intre, na páxina web da iniciativa (manosunidas.org/24horas) poderán ir véndose fotografías chegadas desde moitos lugares do planeta, formando parte do sinal de identidade da iniciativa: a acción “Acende a chama”.
.