O 26 de xaneiro na igrexa de San Francisco Xavier (Lugo) oraron conxuntamente católicos, evanxélicos e ortodoxos. Ao final, deu o seu testemuño o refuxiado hondureño Samanel (imaxe da dereita) e fíxose público o seguinte manifesto:
Como igrexas que camiñamos en Lugo, abrimos os ollos ao mundo dos migrantes e refuxiados, desde a mirada de Xesús, mirada de acollida.
Recoñecemos a necesidade de cambiar o noso corazón de pedra nun corazón como o de Xesús, cheo de amor ante os que sofren a separación das súas familias, a distancia da súa patria, e a indiferenza nos países de acollida.
Miramos aos países e os pobos, de onde fuxiron os refuxiados. Pedimos xustiza nos países de orixe de todos os migrantes, que buscan mellores condicións de vida, para eles e para as súas familias.
Miramos aos nosos veciños emigrantes e refuxiados que viven no noso país, que terminan nos suburbios e nos barrios pobres das grandes cidades, onde comparten a súa vida cos marxinados ou cos que están sen traballo.
Miramos aos responsables políticos, a todos os que teñen o poder de decidir os acordos e as leis internacionais. Pedimos que miren, non só polos interoses dos seus propios pases, senón que tomen en consideración a situación dos países pobres do mundo. Que se garanta ás persoas migrantes o dereito ao traballo, á educación e á sanidade pública e a súa inclusión social e profesional, con propostas non discriminatorias. Que todos os migrantes menores de idade sexan protexidos en conformidade coa Convención Internacional sobre Dereitos do Neno.
Abrimos os nosos corazóns, as nosas casas, e as nosas igrexas aos emigrantes, refuxiados, e a todos os que buscan asilo político. Que se consideren acollidos e integrados na nosa sociedade.
Asumimos, como cidadáns universais, o compromiso persoal proactivo de tecer entre todos unha verdadeira convivencia intercultural e transformar os muros de rexeitamento, racismo e xenofobia, en oportunidades para ACOLLER, PROTEXER, PROMOVER E INTEGRAR.
Que a comunidade cristiá nada de Pentecoste, na «diferenza de culturas», se abra aos migrantes e refuxiados, non só para acollelos, senón sobre todo para crear a “comuñón” entre as diferentes comunidades, e vivir así a universalidade da Igrexa.