Conferencia de José Mª Bastero sobre a Universidade

O Presidente da Asociación de Amigos da Universidade de Navarra, José María Bastero de Eleizalde, impartirá a conferencia titulada “El reto de la Universidad en el siglo XXI” o xoves 16 de novembro ás 20 h. na Biblioteca Pública de Lugo (avda. Ramón Ferreiro).

José María Bastero cursou os estudos de enxeñaría naval na Universidade Politécnica de Madrid, doutorándose nesa mesma Universidade e obtendo posteriormente o título de Enxeñeiro Industrial en 1980. Foi reitor da Universidade de Navarra entre os anos 1996 e 2005.

Concerto solidario organizado por Mans Unidas

O domingo 14 de maio ás 20h no Círculo das Artes de Lugo terá lugar o Concerto solidario que xa vén sendo tradicional nos últimos anos. Da Escola Municipal de Música de Lugo, actuarán:

  • o Grupo de pandeiretas (dirixe Mercedes Autram),
  • o Coro Moderno (dirixe: Noelia González) e
  • a Big Band (dirixe: Adrián Lage).

Tamén intervirá o Orfeón Lucense (dirixe: Marcos Fernández Mosquera).

As entradas (5 euros) poden recollerse anticipadamente na sede da Delegación (r/ Cruz, 1 B de 11 a 13h) ou no mercado solidario da rúa San Pedro, que amplía o seu prazo de apertura: agora estará aberto ata o día 19 de maio. 

Exposición intercultural “Raíces” no Colexio salesiano “Divina Pastora”

O Colexio Salesiano “Divina Pastora” de Lugo acolle no salón de actos unha exposición intercultural aberta ao público desde o 8 ata o 12 de maio en horario de 17.30 a 19.00 horas.

A Exposición chámase RAÍCES e conta con numerosas pezas que recollen elementos do labor de centos de persoas que desde fai máis de 135 anos desvívense para que ningunha persoa no mundo, sen importar raza, sexo ou relixión, sufra as desigualdades sociais.

O visitante da exposición pode achegarse aos cinco continentes en que existe presenza da ONG “Jóvenes y Desarrollo” e as Misións Salesianas a través de obxectos significativos de cada un deles. O visitante sairá máis convencido de que co esforzo de cada un de nós outro mundo é posible.

Na mostra hai utensilios do día a día doutras culturas, pezas de artesanía realizadas nas Misións, unha cabeza humana reducida pola tribo shuar, instrumentos musicais de diferentes continentes ou máscaras das tribos máis recónditas do planeta.

Gala benéfica organizada polo Colexio San Xosé de Lugo

O Colexio San Xosé-FEC de Lugo organiza unha gala benéfica, o vindeiro mércores 22 ás 18 h, para apoiar a campaña de micromecenado que Oncomet puxo en marcha para que Galicia poida estar á vangarda en investigación oncolóxica, apostando por un novo método de análise: biopsia líquida.
Os asistentes poderán gozar dos bailes e obras de teatro que os alumnos de ESO e BAC prepararon para as festas do colexio en honra á festividade de San Xosé.
As entradas para asistir ao evento ou de fila cero poden adquirirse na conserxería do colexio ou a través dos alumnos de 1º de Bacharelato.

“Mañás de Nadal” da Asociación Xuvenil Ateibo

Dende o 22 de decembro ata o 5 de xaneiro do 2017, a Asociación Xuvenil Ateibo está levando a cabo a actividade denominada ”Mañás de Nadal”, que ten como destinatarios nenos de 3 a 12 anos (cursen estudos ou non no colexio Salesianos – Divina Pastora de Lugo).

Este proxecto responde á necesidade vista dende o propio centro xuvenil de que os nenos ocupen o seu tempo libre, dunha maneira lúdica e educativa, neste tempo de vacacións; e de que os pais concilien a súa vida laboral coa familiar.

O proxecto desenvólvese de luns a venres, de 10:00 a 13:30 horas, e hai servizo de gardería de 9:00 a 10:00 horas e de 13:30 a 14:00 horas para aquelas familias que necesiten un horario máis amplo.

Os obxectivos son educar en valores a través do xogo, favorecer a creatividade dos participantes, propiciar o traballo en equipo, e axudar aos pais que traballan nestas datas a conciliar familia e traballo. Durante estes días organízanse obradoiros, excursións, actividades de animación á lectura, disfraces, xincanas, deportes, teatro, xogos musicais, cociña creativa… E faise cun equipo de animadores cualificados, voluntarios de Ateibo.

O prazo de inscrición permanece aberto. Para consultar máis información ou solicitar a ficha de inscrición, dirixirse aos locais da asociación: Praza da Milagrosa, 10 (teléf. 633 674 528).

A %d blogueros les gusta esto: