Pregón de Nadal

O 20 de decembro tivo lugar o pregón de Nadal no salón de actos de Afundación en Lugo a cargo da directora da Biblioteca Pública Mª Isabel Pérez Fórneas, que comezou dicindo que para preparalo esculcou pola lexislación e atopouse cun recente Real Decreto que declara o belenismo como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial.

A continuación comentou as  bases da cultura europea, que segundo Paul Valéry é filla de tres civilizacións: Atenas, Roma e Xerusalén. Para o gran poeta francés “é o mesmo dicir civilización europea que civilización cristiá (…) A expresión «civilización cristiá» indica que o ánimo de Europa foi permeado polo cristianismo, e que todas as accións dos europeos, as boas e as menos boas, son comprensibles só con referencia á revolución cristiá (…) o cristianismo falará, máis aló e fronte ao hebraísmo, dun «Deus feito home»”.

Noutro intre a pregoeira sintetizou a historia dos belens desde S. Francisco de Asís.

Isabel Pérez Fórneas tamén lembrou “Un conto do Nadal -verídico- sobre a utili-dade do latín en tempo de trincheiras” fío publicado hai un ano por Irene Vallejo en X (twitter) sobre a tregua de Noiteboa de 1914 (Primeira Guerra Mundial) porque o sucedido expresaba o que debe ser o espírito do Nadal.

Finalizou cunha invitación a visitar destacados beléns de Galicia.

Este acto, que estaba organizada pola Asociación de Belenistas de Lugo, concluíu coa interpretación de panxoliñas a cargo do Orfeón Xoán Montes.

Homenaxe ao servo de Deus Francisco Carballo García

Francisco Carballo

O domingo 7 de maio en San Martiño de Mato, Taboada, inaugúrase, co nome de Francisco Carballo García, unha praza que ten no seu centro un cruceiro doado por José Manuel Fernández Carballo na honra do servo de Deus Francisco Carballo.

Francisco Carballo García naceu en Xestoso, Parroquia de San Martiño de Mato, o 12 de xuño de 1905. Fillo de Enrique e de Josefa. Tras estudar no Seminario de Lugo foi ordenado presbítero en Ourense en 1928 por Mons. Cerviño González. Ese mesmo ano é nomeado Vicario in cápite de San Román de Santa Cristina e ecónomo de Santa Mª Madanela de Goi (Castroverde).

En 1932 solicita permiso para residir en Madrid, é nomeado párroco de Pinilla del Valle e incardínase na Diocese de Madrid-Alcalá. En 1935 pide que se lle amplíen as licenzas ministeriais na Diocese de Madrid para facer estudos universitarios.

Xunto co párroco Juan José Rojo García foi detido o 28 de xullo de 1936, ao día seguinte son sacados cos párrocos de Rascafría e de Oteruelo del Valle, e acabouse coa vida dos catro. A morte tivo lugar en Las Dos Castillas, entre os portos de Cotos e Navacerrada. Está sepultado na Basílica da Santa Cruz do Val dos Caídos.

Presentación do libro “El tiempo y la carne” de Tito Suárez

 

O mércores 26 de abril ás 19:30 h na libraría La Voz de la Verdad presentouse o libro El tiempo y la carne de Tito Suárez, que reúne catro poemarios -dous deles inéditos- e constitúe un compendio da produción do seu autor até agora.

Sobre a temática dos seus escritos dixo que “é existencial, a filosofía, a morte, a liberdade, a dor. Por iso non é casual que moitos dos poemas teñan como protagonistas aos nenos e outros moitos aos anciáns. É o arco temporal da nosa existencia. E polo medio hai unha atención especial aos desvalidos, aos que sofren. No fondo non é máis que unha reflexión sobre a nosa condición: todos temos penas, dores, alegrías, pais, irmáns, fillos, imos envellecer, preguntámonos que pintamos aquí. Tamén está a sobrevoar a cuestión da teodicea.”

En canto ao proceso de escritura indicou Tito Suárez: “Adoito facer unha primeira idea, escribo seguido e despois empezo a quitar o que sobra e a adornar. A inspiración ten que pillar traballando. Ás veces sorpréndome porque saíu redondo e outras veces dáslle mil voltas, rompes…”

O autor imparte clases no Instituto Teolóxico Divino Mestre de Ourense, no Seminario Menor de Ourense e no Centro de Ciencias Relixiosas San Martiño.

A Xove Orquestra de Lugo Terra Nova interpreta “Stabat Mater” de Haydn

O  sábado 1 de abril ás 18:30 h na Catedral a Xove Orquestra de Lugo Terra Nova interpretará “Stabat Mater” de F. J. Haydn e o domingo 2 de abril na igrexa de San Pedro de Lugo ás 20 h. A dirección musical corre a cargo de Nicolás Ravelli Barreiro. Ademais de membros do Coro Xove de Lugo, tamén intervirán membros do Coro Colexio Fingoi, Cantar Delas, Sólo Voces e Coro do Hospital de Lugo.  Actuarán 3 sopranos solistas: Paloma Suanzes, Elsa Roldán e Emilia Pérez, dúas MezzoSopranos: Carolina Bardas e Andrea Rey Gil e como voces solistas masculinas: Luis Barrios, Lucas López e Pablo Nieves

Conferencia de Miguel Ángel López Folgueira sobre o aborto

Miguel Ángel López Folgueira

Dentro dos actos programados pola asociación Providav Lugo con motivo da Xornada pola Vida, o psicólogo Miguel Ángel López Folgueira pronunciou a conferencia “Abortar, que fago?”.

Comezou sinalando que “o feto non é algo, é alguén, con identidade propia, ten código xenético propio e non haberá máis como el. Non se pode dicir que é como un apéndice da nai. Se fose así, a nai despois do aborto ou despois do parto, quedaría mutilada. Pero a realidade é que a nai permanece enteira. É algo que di a ciencia, e non o cienticifismo que se nos quere impoñer”.

Enumerou Miguel Ángel López Folgueira as secuelas emocionais do aborto: ansiedade, culpa, irritabilidade, baixa autoestima, problemas nas relaciósn interpersoais, disfuncións sexuais, desordes alimenticios, insomnio, adiccións…

E tamén enumerou as secuelas físicas: febre, suor, trastornos menstruais, hemorraxias, perforación uterina, peritonite, coágulos de sangue pasaxeiros, esterilidade…

Como conclusión, Miguel Ángel López Folgueira sinalou: “Si á vida e non ao aborto, misericordia coa muller que aborta. Talvez o fai por non saber o que fai, polas falsas ideas coas que foi manipulado todos aqueles que non cren no ser humano; son vítimas dunha sociedade materialista, sen principios éticos. Cando non se cre no ser humano, non se lle ten respeto”.

No acto tivo unha intervención Paco Rivera Cela, que tratou a historia da asociación Providav Lugo.

Emilia Martínez, presidenta de Providav Lugo; o periodista Paco Rivera e Miguel Ángel López

 

A %d blogueros les gusta esto: