Os factores que expresan a riqueza dos pobos, son múltiples: a fertilidade dos seus campos, a achega das súas industrias, a cultura das súas xentes, os monumentos históricos das súas prazas… No noso caso abonda traer á memoria os dous grandes monumentos históricos da nosa cidade: as murallas romanas e a nosa Catedral: eles deron lugar aos dous apelativos con que se coñece a cidade lucense: cidade das murallas e cidade da Eucaristía. A muralla, pola súa antigüidade e pola súa integridade, símbolo da grandeza histórica dun pasado que se escapa á meticulosidade investigadora dos historiadores. Lamentamos que a falta de documentos de arquivo non nos permita concretar a data histórica en que foron construídas.
Pero Lugo é, sen dúbida tamén, a cidade do “Santísimo Sacramento”, como a clasificaron os nosos avós desde tempo inmemorial. Na Eucaristía o Señor faise realmente presente e sacramentalmente tanxible. A sementeira eucarística foi tan prolífera, que Xesús plantou a súa presenza Sacramental en todo o globo terráqueo. Con todo, falando en linguaxe catequética, cabería dicir que a presenza Eucarística de Xesús Sacramentado, faise máis densa na nosa Catedral que noutros templos.
Polas escavacións que se están levando a cabo en Galicia, conclúese que a nosa terra foi evanxelizada xa no século III, aínda que isto non consta documentalmente.
Do que si hai documentos fehacientes é de que no século VI a sede de Lugo era a máis importante da península ibérica e de que aquí se celebrou o Primeiro Concilio no ano 569. Desde entón, hai constatación histórica dos distintos avatares polos que pasou a nosa cidade e a súa Catedral.
Congratulámonos da riqueza dos nosos arquivos, pero a maior achega histórica é a vida e os seus acontecementos. Estes influíron grandemente no xurdir da devoción Eucarística do pobo de Lugo. Un destes acontecementos, foron as herexías priscilianistas e arianas que negaban a presenza de Cristo e a súa divindade, respectivamente, na Santa Hostia. Estas herexías e outros comportamentos pouco ortodoxos enardeceron a fe Eucarística dos lucenses, que, xeración tras xeración, deixaron pegadas do seu amor a Xesús Sacramentado. Aí están os cruceiros graníticos sacralizando as rutas que conducen á cidade do Sacramento. Aí queda o recordo dos nosos avós que conxugaban as faenas mercantís con visitas á Catedral Eucarística. Aí están os banzos de acceso á mesma Catedral, esvaradíos polo pisar dos miles de lucenses que cada día soben e baixan para visitar ao Santísimo, exposto na Custodia do Altar Maior.
Así, en sintonía co devir das temperaturas cambiantes, das estacións astronómicas dos anos, foi discorrendo a historia Eucarística dos lucenses con climas de verán e de inverno, de outono e de primavera, ata que en 1669 a Xunta do Antigo Reino de Galicia, cos representantes das sete cidades que naquel momento o conformaban, acordaron a fundación do que desde entón coñecemos co nome da Ofrenda ao Santísimo Sacramento, a celebrar na Catedral Lucense o domingo infraoitava da festa do Corpus.
Isto confírmanos que a vida precede á lei. As institucións unhas veces xorden para apontoar os comportamentos, e outras como floración do bo facer da cidadanía. Este é o caso da Ofrenda ao Santísimo na cidade de Lugo. A fe Eucarística era tan sólida en Galicia, que necesitaba manifestarse, e nada mellor que a exposición do Santísimo na dourada Custodia da nosa Catedral.
Esta exposición é continua desde tempo inmemorial. Esperamos que xamais se interrompa, como sinal de que a fe Eucarística dos lucenses mantense viva e en pé.
Indalecio Gómez Varela
Cóengo da Catedral de Lugo