Xa estamos no verán, agora non hai dúbida. O irmán sol, como canta san Francisco de Asís, resístese un pouco este ano, pero con el ou sen el é tempo de verán e vacacións, algo que tamén inflúe nas parroquias e na vida espiritual dos seus membros.
Estes días xa temos entre nós aos que durante o ano están fóra. Nótase e agradécese a súa presenza, tamén na celebración da Eucaristía dominical. Eles veñen descansar e a visitar as súas familias, pero tamén a animar a vida da Parroquia, xunto cun bo número de peregrinos que chegan cada día neste tempo de verán.
O sol, o bo tempo e o descanso, ou cambio de actividade tamén son unha boa axuda para a oración e sentir a presenza de Xesucristo máis preto de cada un de nós. Sorpréndeme ver como toda a Creación vainos acompañando todo o ano na celebración do misterio da vida de Xesucristo. Todo está disposto polo Creador para que as persoas podamos recoñecelo presente no centro do universo e admirar a súa infinita bondade a través da fermosura e perfección da Creación.
Tanto se tedes vacacións coma se non, invítovos a que vos deixedes sorprender pola compañía de Xesucristo durante os meses de verán. Poderémolo atopar na celebración do domingo, na Misa dunha festa, no testemuño dun peregrino, na familia que imos ver, no amigo que fai tempo que non visitamos, na lectura dun libro, nun día de praia, nun paseo pola montaña, nun momento de silencio á posta do sol… Todo pode converterse nunha oración que nos leve a Deus, como o fixo san Francisco co Cántico das Criaturas.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada
Foto: Luis Ángel Espinosa