Quizais no mundo rural non estamos moi afeitos a escoitar falar de confesións no Advento. Case todo o mundo lembra os preceptos en Coresma e moitos dos nosos cristiáns, por desgraza, só acoden a confesarse nos días próximos á Semana Santa e fano máis por unha obrigación que por unha necesidade que brote da dor dos pecados.
A situación pode ser paradoxal. Todos sabemos que non hai ninguén sen pecado (“O que estea sen pecado que tire a primeira pedra”), pero ao mesmo tempo cada vez temos menos conciencia dos nosos pecados, aínda que coñecemos ben os dos demais; xa saben o da palla no ollo alleo.
O Deus de Xesucristo vén visitarnos e a traernos o gran agasallo da boa nova da nosa salvación. Ante tal visita a todos gustaríanos ter a nosa casa en perfecto estado de revista para acoller ao Mesías.
É, por tanto, o momento de facer unha limpeza a fondo da nosa conciencia e de pór en orde as cousas da nosa vida. Toca levantar as alfombras e limpar eses recunchos ocultos nos que se vai acumulando sucidade. Por iso, o Advento tamén é un bo momento para confesarse. Ademais, a limpeza hai que facela cando hai sucidade, non imos andar como uns desaxeitados ata que chegue a Coresma.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada