Con presenza da comunidade educativa, o señor Bispo e autoridades civís (Delegación de Ensino da Xunta, Subdelegación do Goberno) o 27 de setembro fíxose a apertura solemne do curso 2013/2014.
O profesor do Instituto Teolóxico Lucense, Xesús Anxo Fernández Aira, baseou a lección inaugural (“A interpretación bíblica a partires do Vaticano II”) na publicación de Dei Verbum explicando como supuxo, por exemplo, un mellor diálogo co mundo xudeu e a xeneralización do método histórico-crítico. En canto ás implicacións teolóxicas e pastorais da Dei Verbum temos que se estuda a Biblia en dous momentos. Primeiro na vertente filolóxica (crítica textual, estudo das fontes, composición dun marco histórico) e hai un segundo momento, separado do anterior, no que se fai a interpretación teolóxica. Nas últimas décadas, como aspecto negativo está o relativismo e no lado positivo incluiríanse as boas edicións da Biblia e o seu estudo por parte de moitos católicos.