Ante a festa do Corpus Christi que celebraremos o vindeiro sete de xuño, e con ela o Día da Caridade, pasadas as eleccións, quero ofrecer algún dato para a reflexión dende unha posición que considero de sentido común partindo do feito da liberdade relixiosa. En Lugo, a festa do Corpus, ten unha historia especial. De aí deriva tamén a Oitava, celebrada con gran solemnidade con motivo da Ofrenda de Galicia ao Santísimo Sacramento.
En varias ocasións escribín como os cidadáns de Lugo somos capaces de conxuga-la unión perfecta entre cidadanía e cristianía. Entre ser bo cidadán e bo cristián. Só dende estas claves se entende que Lugo poida ser considerada a Cidade do Sacramento. Sería triste que a antiga cidade de Augusto esquecese este nome tan cheo de bos recordos, de fermosas tradicións e de historia que a honra. Corpus e compromiso por unha sociedade máis xusta son inseparables. Os problemas fundamentais dos cidadáns teñen que ver, precisamente, coa xustiza social, coa solidariedade e coa caridade política. Caridade que se expresa no amor aos máis pobres e excluídos, na preocupación por erradica-lo paro, na xusta distribución dos bens e na relación fonda entre fe e compromiso social. A caridade política é unha dimensión esencial e decisiva no cristianismo. “Tiven fame e déstesme de comer”, recórdanolo Xesús na parábola do xuízo final. A relación entre fe e caridade e tan esencial que mutuamente se verifican.
Nas actuais circunstancias políticas non estaría mal que os nosos representantes electos se poñan de acordo nisto que é esencial. Por encima das siglas debe estar sempre o ben común. Precisamente, en maio de 1996 escribía, con certo carácter profético, o doutor e intelectual Domingo García Sabell, que a maioría da xente móvese e navega a favor de ideoloxías, esquemas e prexuízos. “De aí a variedade case que indescifrable de siglas, de colectivos mínimos, de obediencias estreitamente limitadas” (Cf. Tempo de lecer, Vigo 1998, páx., 25). Todo isto, indica e que uns e outros se atopan mergullados en esquemas. E, en efecto, todo esquema é unha operación redutora da vida e da creatividade existencial.
Por iso, quero invitar aos nosos políticos a que se poñan de acordo, que escoiten as intitucións que loitan dende tempos inmemorais pola xustiza, que colaboren con elas, que aparquen os prexuicios anticlericais e antieclesiais, que tomen conciencia do que é realmente unha sociedade laica. Laico, laicidade, ven do grego “laos” que significa pobo, sinónima de “demos”, da que deriva a nosa democracia. Unha sociedade laica é unha sociedade rexida polo pobo, e non por outros poderes. “Laicidade”, significa que un Estado laico é “lego” (non sagrado) en materias relixiosas, é dicir, que non sabe ou non toma postura ante elas, polo que non significa precisamente que é agnóstico, ou relixiosamente indiferente, ou ateo, ou confesional (isto xa serían tomas de posición). Polo tanto, o Estado non é nin pode, nin debe ser, “laicista”. Un Estado aconfesional é “prescindente” ante as cuestións últimas e ante os temas cosmovisionais. E dado que a relixión é cousa de cidadáns concretos, cunha dimensión pública positiva e inevitable, as autoridades políticas deben adoptar posturas de “prescindencia respetuosa”, promovendo os valores relixiosos, o que é xusto, transformado as estruturas que xeran pobreza, practicando a misericordia e proxectando unha economía inclusiva e compasiva fronte á corrupción e á idolatría do mercado. Quen non quere poñerse de acordo con estes mínimos éticos fundamentais?
Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral da Diocese