O sacerdote e teólogo Juan de Dios Larrú será o relator da 5ª xornada do Curso de formación en matrimonio e familia que se celebra en Silleda. A súa intervención leva por título “A familia e a educación en virtudes”. Juan de Dios Larrú é Doutor en Teoloxía e Decano do Instituto Juan Pablo II en España.
-Na sociedade actual fálase moito de valores. Son o mesmo cás virtudes?
– Virtudes e valores non son sinónimos. As virtudes son hábitos operativos bos e configuran a fisonomía moral da persoa que actúa. O valor é un concepto vinculado á motivación. É un contido esencial do acto humano dentro da súa dimensión de especificación. Por iso, máis que unha definición do mesmo, existe unha caracterización dos seus elementos definitorios mediante unha vía máis descriptiva da experiencia.
– Que son as virtudes e que importancia teñen na educación dos fillos?
– As virtudes son os modos de recibir os dons de Deus. Indican, pois, a inmensa capacidade receptiva humana, que fai crecer e madurar ás persoas. Teñen unha estrutura comunional, pois a plenitude á que apuntan é a comuñón das persoas.
– A cultura na que vivimos condiciona o modo en que pensamos, vivimos e nos relacionamos cos outros. Por que é negativo identificar amor e emoción?
– Porque é unha redución do amor, que impide o crecemento e a maduración da persoa no espazo e no tempo. O amor atópase na orixe dos afectos, e tamén é unha virtude e unha acción de toda a persoa. Ninguén nega a importancia do sentir, pero a persoa é máis grande cás súas emocións.
– Realmente ten a familia capacidade para influír na educación dos fillos ou son outros os que educan (medios de comunicación, amigos…)?
– A educación no uso dos medios de comunicación é singularmente relevante e delicada, pois estes medios cambiaron o noso modo de relacionarnos. A familia, indubidablemente protagoniza a tarefa educativa, e é preciso que aprenda a introducir prácticas concretas que axuden a usar estes medios segundo a idade e madurez dos fillos, dun modo virtuoso.
– Vostede leva anos acompañando de cerca a moitas familias, coñece as súas dificultades e a súa realidade. Cal é, na súa opinión, a dificultade maior para educar hoxe?
– Por unha banda, educar é sempre un desafío. Desde o meu punto de vista, quizais sexa a crise de xeneratividade a que máis dificulta a tarefa educativa hoxe. É preciso, por conseguinte, revitalizar este nexo entre xeración e educación de modo que se promova unha verdadeira alianza educativa que faga madurar ás persoas.
– Cal é o camiño para ser bos educadores e non converterse nunha familia débil?
– Ser bo educador é un don e unha arte. Educar é sempre un risco, pois o encontro de liberdades é sempre impredicible. A familia educativa distínguese radicalmente da familia emotiva, porque a primeira busca o que fai grande a vida das persoas e condúceas á plenitude, mentres que a segunda preocúpase exclusivamente polo benestar emotivo dos seus membros e acaba replegada en si mesma, débil e privatizada.
– Que sucede se nos tocou crecer nunha familia desestruturada? Estamos determinados pola nosa experiencia familiar de orixe?
– Necesitamos máis aínda que outros dunha compañía próxima, firme e tenra á vez, que nos permita ir integrando con paciencia as nosas carencias e sufrimentos nun marco de sentido máis amplo. Á luz da fe necesitamos sempre testemuñas do amor de Deus, que consintan que podamos vivir a nosa vocación ao amor en plenitude. Nunca estamos determinados, pero sempre condicionados pola nosa biografía.
– Como síntese final, que fundamenta unha educación na madurez afectiva?
– Non hai receitas, pois cada persoa é diferente, pero os alicerces da educación atópanse sempre vinculados a verdadeiros educadores, persoas que coas súas virtudes afrontan o desafío, conscientes dos seus límites, pero fiados en que sempre é posible educar, que Cristo é o Pedagogo do amor, de quen podemos todos a aprender a amar, porque nos dá o seu Espírito.