No segundo día das Xornadas Abertas de Teoloxía, José Manuel Otero Novas comezou rebatendo o cualificativo de fundamentalismo que se ten aplicado ao cristianismo. Neste hai tres trazos caracterizadores do fundamentalismo -busca da verdade, radicalidade e proselitismo- pero sen levalos ao extremo. Nos Evanxeos non hai o belicismo do Corán, o cristianismo rompe coa identificación relixión-Estado. Ademais, os últimos papas pediron perdón, por exemplo pola Inquisición, algo que para Otero Novas está ben, sempre que se diga todo: comparativamente, outras persecucións, en Francia, ou de luteranos contra anabaptistas, causaron moitísimos máis mortos ca Inquisición española.
Referiuse tamén o conferenciante á sucesión de ciclos históricos: apolíneo-dionisíaco. En calquera deles o cristianismo é criticado: por estar a favor da liberdade cando imperan os totalitarios, por buscar a xustiza e a solidariedade, cando se impón o liberalismo sen alma.
Na vida pública a obriga dos cristiáns é unirse aos que non o son para defender xuntos o humanismo cristián, porque este é asumible por todos, é intemporal, está na base da Declaración Universal dos Dereitos do Home.