Unha das catro constitucións aparecidas con motivo do Concilio Vaticano II foi Dei Verbum, da que temos un balance positivo. Impulsou os estudos e os métodos esexéticos. Desde unha concepción escolástica e fría da revelación, pasouse a unha concepción dialogal da revelación como encontro de Deus cos seus fillos a través de Cristo Xesús; desde unha visión esquemática de inspiración pasouse a afirmar con rotundidade que os autores sagrados eran tamén, noutra orde, verdadeiros autores que usaban as súas facultades e talentos; desde a defensa belixerante da historicidade dos Evanxeos pasouse a unha comprensión dos Evanxeos como escritos nacidos da predicación e da tradición. Desde unha visión recelosa da Biblia reservada para expertos, o Concilio afirmou con decisión que a Palabra divina era o centro da vida da Igrexa e a alma da Teoloxía, recomendando sen reservas o seu coñecemento, estudo e vivencia.
A Constitución dogmática Dei Verbum supuxo un importante avance e un impulso decisivo. Despois desta Constitución, a Biblia xa non pode quedar relegada ás clases de teoloxía, aos estudos esexéticos ou a esa frase de «doutores ten a Santa Nai Igrexa…». A Palabra de Deus, co Concilio Vaticano II, recuperaba o lugar central que sempre tivera no antigo Israel, nas primeiras comunidades cristiás, e entre os Santos Padres.
Foi a auga fresca cuxo impulso desbloqueou un caudal de gran riqueza, até entón repartido aos poucos. Desde entón floreceron estudos bíblicos de todo nivel; desde entón viviuse un gran desenvolvemento teolóxico en temas centrais como a Cristoloxía p. ex.; desde entón a Palabra de Deus comezou a ter presenza activa nas celebracións litúrxicas, nas catequeses e nas clases de relixión.
Coa Dei Verbum a Igrexa recupera a veneración pola Sagrada Escritura, non de forma platónica e simbólica, senón de forma efectiva e real «como norma suprema da fe».
Algúns dos grandes pasos que se deron: os textos litúrxicos proclámanse de forma comprensible para os fieis, a Biblia ten unha presencia determinante nas catequeses e nos programas escolares, e xurdiron en moitas partes grupos bíblicos de moi diverso tipo (escola de formación; lectio divina; grupos de oración).
A Constitución Dei Verbum abriu o camiño para o recoñecemento da utilidade dos métodos críticos para o estudo bíblico.
Nestes anos avanzouse moito e en boa dirección; a resposta da xente ás propostas bíblicas son francamente ilusionantes, seguramente porque na Biblia non se atopan sistemas de conceptos abstractos e fríos, senón realidades vividas, das que a xente tamén ten experiencia e por iso sintoniza con facilidade ao mesmo nivel de experiencia vital. Prevese un futuro realmente frutífero. Pero todo o realizado só é un comezo; necesítase máis convencemento, moita máis intensidade de esforzo, máis dedicación, mellor preparación, materiais máis adaptados, etc. etc. De todos os xeitos a mesa da Palabra xa está servida.
1 comentario en “José Antonio González: Importancia da constitución Dei Verbum do Concilio Vaticano II”