O xoves 18 o Rector da Universidade Eclesiástica San Dámaso, Javier M. Prades López, puxo punto final á trixésima edición das Xornadas Abertas de Teoloxía. A súa conferencia “Dar testimonio. La presencia de los cristianos en la sociedad” tivo dúas partes. Na primeira tratou do debilitamento antropolóxico da razón, da liberdade e da mesma realidade. O conferenciante explicou que o malestar existente en Europa ten a súa raíz non só na crise económica e no problema cultural e moral senón tamén na perda de confianza ante a propia experiencia de vida (capacidade de distinguir realidade e ficción, verdade e mentira, bo e malo…).
E na segunda parte da súa intervención Javier Prades expuxo tres maneiras en que pode darse a tradución cultural da fe: 1) identificar a fe como reforzo da cohesión ética; 2) limitarse ao anuncio, ao kerigma e 3) personalizar a fe, facer unha verificación existencial da mesma. Esta última sería a mellor opción por recoller toda a natureza do cristián.