“Alégrate Xerusalén”. Con estas palabras comeza a antífona de entrada da misa do IV Domingo de Coresma, tamén coñecido como “Domingo Laetare”, pola palabra latina.
Pasamos máis da metade do tempo de Coresma e a liturxia invítanos a alegrarnos pola proximidade da Pascua. Tamén no Advento temos o “Domingo Gaudete” cun significado semellante.
Digo moitas veces que a fe en Xesucristo non nos pode angustiar nin escravizar. Xesucristo tráenos a liberdade e xa que logo a alegría. As palabras do raposo ao Principiño resume moi ben o que quero dicir:
“Sería mellor que volveses á mesma hora. Se vés, por exemplo, ás catro da tarde, desde as tres comezarei a ser feliz. E canto máis avance a hora, máis feliz estarei. Ás catro xa estarei inquedo e preocupado; e así, cando chegues, descubrirei o prezo da felicidade!”
A celebración e actualización litúrxica do acontecemento máis transcendental de toda a historia da humanidade e do universo está cerca: a resurrección de Xesucristo, o Fillo de Deus feito home.
Di o Papa Benedicto coas palabras de San Paulo que “na esperanza fomos salvados” (Spe salvi 1).
Soemos vivir o tempo de Coresma como un momento demasiado escuro que nos impide prepararnos con optimismo para a gran festa dos cristiáns.
Cristo resucitado, do que di o apóstolo Pedro que ten palabras de vida eterna, é o único que pode alimentar a nosa esperanza dun xeito desbordante e definitivo.
Cantaremos na Pascua: “Alegría, alegría, irmáns, que se hoxe nos queremos, é que resucitou”. Esta alegría non a improvisaremos. Necesitamos, xa que logo, vivir este tempo de preparación cunha alegría contida, porque o que esperamos é certo: Cristo resucitou e falta pouco para celebralo.
Miguel Ángel Álvarez