Está en marcha o IV Curso de música litúrxica do Corpus Christi de Lugo que organiza na primeira semana de xullo o Centro Eucarístico Lucense. Participan 27 persoas de toda Galicia e tamén de Barcelona. Cada xornada comeza cun estudo individual de órgano. Ás 11 h hai charlas sobre Música e Liturxia de Abraham Sánchez Pujante, Párroco de San Lázaro da Ponte. Diplomado en Frauta Traveseira e Dirección Coral. A estas charlas, que son no salón de actos do Seminario Diocesano de Lugo, pode asistir calquera persoa interesada nos seguintes temas:
- “A liturxia, canto de loanza a Deus: por que cantamos?” (3 de xullo)
- “A música na liturxia: que, como e cando cantamos?” (4 de xullo)
- “A música ao ritmo da liturxia: Como preparar os cantos da Misa?” (5 de xullo)
A partir do mediodía prepáranse cantos gregorianos que se interpretarán durante a Eucaristía do domingo 7 ás 13 h na Catedral. E a mañá remata con estudo individual de órgano.
Polas tardes impártese técnica vocal, dirección coral e órgano.
Como actos complementarios deste Curso están a presentación do disco “Interrogatorio a María” do organista Giulio Mercati (venres 5 ás 20:30 h na igrexa Santiago a Nova, Lugo) e a II Noite Coral Lucense (varios templos da cidade de Lugo a partir das 21 h do sábado 6 de xuño na Capela de San Roque, para ter un concerto conxunto no claustro da Catedral ás 23 h)