O venres 13 de novembro, celébrase o 4º aniversario da renovación do privilexio da Catedral de Lugo de 1860 polo cal se concede Indulxencia Plenaria Cotiá e Perpetua ás persoas que visitasen esta Catedral, segundo as condicións habituais.
Ás 20 h a catedral acollerá unha Eucaristía solemne presidida polo Bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco
Historia da concesión da Indulxencia:
O culto Eucarístico en Lugo e a Exposición permanente do Santísimo Sacramento no Altar Maior da Catedral desde tempo inmemorial están intimamente ligados a concesión, no seu día, da indulxencia plenaria na Catedral lucense.
– En 1860, o Papa Pío XI promulgou a seguinte bula: Indulxencia plenaria todos os meses a todos os fieis que se confesasen, comulgasen e visitasen ao Santísimo Sacramento.
– En 1867, o Bispo Mons. José Ríos Lamadrid, tras unha visita a Pío XI, comunícalle ao cabido da Catedral que o Papa lle concedeu “indulxencia plenaria perpetua a todos os fieis que en calquera día do ano” comulgasen na Catedral coas debidas disposicións.
– En 2016, o bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco, presentou á Santa Sé a petición de renovar a devandita indulxencia plenaria. A petición foi concedida por Decreto da Penitenciaría Apostólica o 10 de outubro de 2016.
Privilexio excepcional:
O único caso no mundo que se coñeza cun privilexio semellante ao que ten Lugo é o chamado “Perdón de Asís”. Nesa localidade italiana tamén se pode gañar desde o ano 1968 a indulxencia cada día.
Esta característica da Catedral de Lugo é importante non só desde o punto de vista espiritual senón tamén no aspecto cultural.
Como gañar a Indulxencia:
No Decreto da Penitenciaría Apostólica polo cal se renova este privilexio sinálase que os fieis poderán gañar a indulxencia calquera día do ano a condición de que cumpridas as condicións habituais, é dicir, confesión, comuñón e oración polas intencións do Sumo Pontífice, visiten piadosamente o Santísimo Sacramento exposto publicamente para adoralo durante un axeitado espazo de tempo.