José Alfaro é un escolapio rioxano misioneiro en Nepal que se dedica ao que el coñece como a “fermosa arte de levantar escolas para a promoción dos máis pobres e pequenos deste mundo”. Vive nunha humilde casa sen electricidade nin auga corrente, sen baño nin teléfono, por decisión persoal, vivindo exactamente igual que a xente que o rodea, comendo o mesmo que eles: un prato de arroz cuxo custo diario é de cincuenta céntimos. Cada día percorre as pequenas e illadas localidades montañosas nepalís, onde viven os máis pobres. Nos últimos anos ampliou o número de escolas para dar cobertura a 3.335 mozos, aínda que, no último ano, debido á crise financeira e sanitaria sufriu grandes recortes. Aínda así, segue adiante. Ten 83 anos.
Primi Vela Goicoechea é unha irmá da Caridade de Santa Ana. En Mira Road, un dos barrios marxinais de Bombai, onde as familias non teñen nada que levar á boca, choran e morren de fame, esta relixiosa foi pioneira no Fogar para Nenas sen Casa Ankur, un proxecto para ofrecer educación e un futuro a nenas sen familia ou de familias desestruturadas. Acolle a 200 menores de entre 5 e 15 anos, rescatadas das rúas ou da escravitude infantil. Nenas que se dedicaban a enganar, roubar, drogarse, prostituírse… Para esta relixiosa zaragozana “Deus espéranos na rúa e esquina do noso barrio, maniféstase, interróganos e cuestiónanos”. Ten 76 anos.
José Luis Pérez Mudarra ten 65 anos. Acaba de xubilarse do seu traballo na Deputación de Lugo. Hai xa tempo que lle roldaba na cabeza a idea de ter unha experiencia misioneira. Proximamente viaxará a Angola onde, entre outros traballos, integrarase nun programa de pre-escolarización de nenos e nenas de entre 3 e 5 anos, coñecido como as Escolinhas Omõla Wasandjuka. A finalidade deste tipo de escolas é a de potenciar o desenvolvemento integral dos nenos, preparalos para a etapa escolar que comeza aos 6 anos e loitar contra a mortalidade infantil, debida á malnutrición e a falta de axeitadas condicións hixiénicas.
Estes son tres exemplos do labor dos misioneiros cos nenos. Ao longo e ancho do noso planeta, a Igrexa realiza un labor subsidiario cos nenos e mozos. Alí onde ningunha autoridade pública quere pisar, atoparemos un misioneiro, realizando un labor de promoción e de xustiza en favor dos pobres da terra.
Este domingo a Igrexa española celebra a Xornada da Infancia Misioneira. Todo o diñeiro recadado nesta campaña irá destinado a proxectos en favor da infancia. Ao dar o noso donativo pensemos: alí onde hai un misioneiro ou unha misioneira, hai un fogar para nenos, un comedor, unha escola, un hospital… hai alguén que os educa, os axuda, promociónaos, dálles para comer, abrázaos e os ama coma se fosen fillos seus. Hai, en definitiva, futuro para a infancia Por que? Porque alí está Deus.
Jesús Santiago
Delegado de Misións da Diocese de Lugo