A autoestima non é vaidade persoal, senón recoñecemento da herdanza recibida dos maiores e do que alcanzamos co noso esforzo. Desde a psicoloxía, a autoestima estimula o espírito de superación. Vista desde a ética, a autoestíma non é deterioración da propia imaxe, senón afirmación da dignidade persoal. Autoestimarse é valorarse desde a responsabilidade.
A autoestima, cando é colectiva, identifícase coa valoración positiva que un pobo fai de si mesmo: da súa riqueza, da súa cultura, das súas xentes. E moitos son os índices indicadores da riqueza dun pobo: a fertilidade das súas terras,a rendibilidade da súa industría, a proliferación das súas cabanas … Pero o signo máis elocuente da riqueza dunha comunidade é a memoria. dos personaxes ilustres das xeracións pretéritas. Eles son a riqueza máis eminente dos pobos. Nalgúns deles están encarnados os ideais evangélicos, plasmados en actitudes cristiás que perduran (deben perdurar) nas xeracións de hoxe e nas do mañá.
A este respecto, a historia dinos que Galicia foi sempre terra de sabios e de apóstolos e de mártires. E na lista de galegos ilustres ocupa un posto singular o noso paisano San José Mª Díaz Sanjurjo. Da súa universalidade fálannos os 20.000 Kms. que separan o seu berce da súa tumba: Lugo e Vietnam.
A súa imaxe venérase en varios lugares da Diocese lucense: Suegos (Pol), a súa patria moza; no Seminario lucense, centro da súa formación eclesiástica; na parroquia de San Pedro da nosa cidade, templo no que, sen dúbida, o seminarista lucense pediu luz para ver cales serán os plans de Deus sobre o seu futuro.
Tamén é venerada a súa imaxe en Filipinas, sede da súa cátedra universitaria; en Ocaña, noviciado da súa formación misioneira; na Catedral de Cádiz, onde recibiu a ordenación sacerdotal, o 23 de marzo de 1.844, de mans do Bispo gaditano Mons. Silos Moreno. En Cádiz celebrou a súa primeira misa, e de alí partiu para as misións de oriente. Alí dixo adeus á súa patria, á que xamais deixou de querer.
A valoración que de San José Mª de Suegos faise mais alá das nosas fronteiras é notoria. Silenciar tal valoración aquí na súa casa, sería falsa humildade pola nosa banda e ausencia de autoestima colectiva na conciencia dos lucenses. Que a singular valoración que, desde fóra das nosas fronteiras faise dos ilustres fillos de Galicia estimúlenos a engadir novos elos á xa longa cadea de galegos eminentes en ciencia, arte e santidade.