Na tarde do 17 de abril inaugurouse a exposición ‘Semana Santa, tradición secular’, que pode visitarse no claustro da Catedral de luns a sábado de 09.30 a 18.30 h. este mes e o seguinte.
No acto inaugural comezou intervindo o deán da Catedral, Mario Vázquez, que sinalou, entre outras cuestións, que esta mostra era a primeira actividade que acollía o claustro tras un ano de obras de restauración.
De seguido, o coordinador xeral da Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo, Ramón Basanta, destacou que se trataba dunha mostra moi emotiva por ser a primeira vez que se recollía a historia das confrarías a través de fotos (tanto antigas como deste mesmo ano 2023), hábitos, insignias…
E pechou o acto a alcaldesa, Lara Méndez, quen fixo notar que a mostra dá proxección á Semana Santa lucense en Galicia e norte de Portugal, pois é un dos actos programados en Lugo con motivo da súa condición, este ano, de capital cultural do Eixo Atlántico.