Xornada de Responsabilidade no Tráfico

O 7 de xullo celébrase a Xornada de Responsabilidade no Tráfico, en pleno éxodo das vacacións de verán e ás portas da festa de san Cristovo, patrón de condutores e transportistas.

«Eu son o Camiño e a Verdade e a Vida» (Xn 14,6) é o lema da 56.ª Xornada Nacional de Responsabilidade no Tráfico que propón a pastoral da estrada. El non é un camiño, é o Camiño. Non é unha verdade, é a Verdade, ademais de ser a Vida que dura para sempre.

É un día para ter moi presentes aos condutores e transportistas, e agradecerlles os bos servizos que prestan en ben da sociedade. Tamén se trata de tomar conciencia da responsabilidade que deben ter condutores e peóns.

Pídese a Deus, que, por intercesión de santa María da Prudencia e san Cristovo, cada día os usuarios das vías públicas cheguen felizmente ao seu destino.

[Materiais]

Mellora nas deducións dos donativos á Igrexa

Co lema “O ben que fagas serache devolto” a Conferencia Episcopal Española lanzou unha campaña para dar a coñecer a nova lei de mecenado que permite recuperar o 80% das doazóns ás parroquias.

Para as persoas físicas, a contía do micro mecenado ampliouse de 150€ a 250€, permitindo unha dedución do 80% para os primeiros 250€ doados a diversas causas solidarias.

Cando a cantidade que se doa é superior, incrementouse a dedución xeral do 35% ao 40%, e até un 45% para donativos recorrentes á mesma entidade durante dous exercicios consecutivos.

No ámbito empresarial, as persoas xurídicas tamén se beneficiarán dun aumento na porcentaxe de dedución, que pasa do 35% ao 40%. A base desta dedución non poderá superar o 15% da base impoñible do período impositivo, un aumento respecto ao límite anterior do 10%. Os donativos recorrentes gozarán dunha dedución aínda maior, do 50%.

Óbolo de San Pedro

O domingo 30 de xuño de 2024 celébrase a Xornada da Caridade do Papa: ofrécese ás comunidades de todo o mundo a posibilidade de facer donativos ao Óbolo de San Pedro e apoiar así a misión do Bispo de Roma. Unha misión de paz, caridade e proximidade aos que están en dificultade.

Grazas ás actividades de servizo levadas a cabo polos dicasterios da Santa Sé que o asisten cotidianamente, o Papa fai chegar a súa voz a tantas situacións difíciles. Apoia obras de caridade en favor de persoas e familias en dificultade, axuda ás poboacións afectadas por catástrofes naturais e guerras.

[Máis información]

Escola de Voluntariado de Mans Unidas

A “V Escola de Voluntariado” é unha proposta de Mans Unidas en forma de campamento sostible para persoas entre 18 e 35 anos que queiran experimentar o voluntariado local e participar nos debates xerados dos retos sociais globais. Preténdese concienciar a través da educación para o desenvolvemento a mozos galegos con inquedanzas polo cumprimentos de dereitos.

Nesta experiencia, os participantes atoparán outros mozos cos que compartir e debater sobre temas sociais. Será do 1 ao 4 de agosto na Asociación a Raíña Paraíso en Vilasantar (A Coruña). A participación ten un custe de 30€ con posibilidade de axuda.

Contacto: educacion.galicia@manosunidas.org 606 592 012

Un minuto pola paz xunto ao Papa Francisco

O Dicasterio para os Laicos, Familia e Vida convida a unirse á iniciativa do 8 de xuño, ás 13:00 horas, cando crentes ou non crentes poderán adicar polo menos un minuto á oración ou reflexión pola paz. Promovida polo Foro Internacional de Acción Católica (FIAC) desde 2014, a iniciativa na súa décima edición leva como tema: «Queremos a paz. Unha urxencia, un dereito, unha necesidade». Rézase pola paz en Ucraína, Terra Santa, Myanmar e en todos os lugares en conflito. Este ano, en particular, o número de conflitos activos é moi elevado.

É unha iniciativa lanzada por primeira vez en 2014 en apoio do encontro «Invocación pola Paz» promovido polo Papa Francisco o 8 de xuño nos Xardíns Vaticanos xunto co Presidente de Israel (Simón Peres), o Presidente da Autoridade Palestina (Maḥmūd ʿAbbās – Abu Mazen), co Patriarca de Constantinopla (Bartolomeu I).

[Proposta de oración]

A %d blogueros les gusta esto: