Intención de oración do Papa para agosto

O Papa Francisco comunica cal é a súa intención de oración para agosto, polos líderes políticos:

Hoxe a política non ten boa fama: corrupción, escándalos, afastada do día a día das persoas.

Pero, podemos avanzar cara á fraternidade universal sen unha boa política? Non.

Como dixo Pablo VI, a política é unha das formas máis altas da caridade, porque busca o ben común.

Falo da POLÍTICA con maiúsculas, non a politiquería. Falo da política que escoita a realidade, que está ao servizo dos pobres, non da que está encerrada en grandes edificios con longos corredores.

Falo da política que se preocupa dos desempregados e sabe moi ben o triste que pode ser un domingo cando o luns é un día máis sen poder ir traballar.

Se a vemos así, a política é moito máis nobre do que aparenta.

Agradezamos aos moitos políticos que desempeñan a súa tarefa con vontade de servizo, non de poder, todos os seus esforzos polo ben común.

Oremos para que os líderes políticos estean ao servizo do seu pobo, traballando polo desenvolvemento humano integral, traballando polo ben común, atendendo aos que perderon o seu emprego e dando prioridade aos máis pobres.

[Ver vídeo]

Curso presencial, en liña e diferido sobre o Evanxeo de San Xoán

O Doutor en Teoloxía Dogmática Napoleón Ferrández Zaragoza impartirá un curso sobre o Evanxeo de San Xoán que organiza a Universidade Eclesiástica San Dámaso en 8 sesións repartidas en cada un dos 8 meses que van de outubro de 2024 a maio de 2025.

Os participantes no curso accederán a unha actualización dos últimos estudos sobre o evanxeo xoánico, penetraranse no tempo de Xesús e nos lugares onde suceden os feitos. O Evanxeo de Xoán preséntase como un relato profundamente asentado na historia e na cultura onde transcorre a vida, morte e resurrección de Xesús.

Programa:

  1. O texto de San Xoán 1 de outubro de 2024
  2. Quen é Xoán, fillo de Zebedeo «Este é o discípulo amado que dá testemuño destas cousas» (Xn 21,24) 5 de novembro de 2024
  3. «Acampou entre nós»: o Prólogo de Xoán «No principio existía a Palabra» (Xn 1,1) 3 de decembro de 2024
  4. «O vello pasou; mirade, existe algo novo», de Caná a Cafarnaúm «Despois disto houbo unha festa» (Xn 5,1) 8 de xaneiro de 2025
  5. A Pascua no corpo de Xesús «Achegábase a Pascua» (Xn 2,13) 4 de febreiro de 2025
  6. A Paixón empeza nos pés dos Apóstolos «Comprendedes o que fixen convosco?» (Xn 13,12) 4 de marzo de 2025
  7. «Velaquí o Home», a Paixón de Jesús 1 de abril de 2025
  8. Resurrección de Xesús e sabedoría das feridas

Para quen siga o curso de maneira presencial ou en liña en directo, o horario de cada sesión é de 18:00 h. a 19:00 h. cada un dos días sinalados enriba.

[Máis información]

Indulxencia con motivo da Xornada dos Avós e dos Maiores

Con motivo da IV Xornada Mundial dos Avós e dos Maiores, que se celebrará o próximo 28 de xullo e que terá como lema “Na vellez non me abandones” (cf. Sal 71,9), o Papa Francisco concedeu a indulxencia plenaria aos fieis que asistan ás misas dedicadas a este propósito ou visiten ás persoas maiores que están soas.

A Penitenciaría Apostólica publicou un decreto, no que se indica que a Indulxencia será concedida “nas condicións habituais (confesión sacramental, comuñón eucarística e oración segundo as intencións do Sumo Pontífice) aos avós, aos maiores e a todos os fieis que, animados por un verdadeiro espírito de penitencia e caridade, participen nas diversas celebracións que terán lugar en todo o mundo”.

Ademais, para subliñar que a visita é unha ocasión de reconciliación e de perdón, tamén será posible obter a indulxencia visitando ás persoas maiores que vivan soas no seu barrio ou que estean aloxadas en centros residenciais.

Encontro Matrimonial ofrece este verán un encontro para sacerdotes e consagrados

Será do 22 ao 26 de xullo e pode seguirse o encontro a través da internet. Trátase de compartir vida, tempo, inquietudes, celebrar a vocación, apoiarse uns a outros, reflexionar e compartir sobre as parábolas.

O encontro modérano un sacerdote, un consagrado e dous matrimonios. O matrimonio e a orde sacerdotal son sacramentos de relación cos demais: uns, entre os esposos, os outros cos fregueses ou o resto dos compañeiros do presbiterio ou a comunidade.

Unha parella xunto cun sacerdote ou unha consagrada (van alternándose) fan unhas presentacións sobre as parábolas, dando un enfoque, así como o seu testemuño de como viven eles, no seu día a día, a realidade que presentaron.

Seguidamente propoñen algunhas preguntas que axuden a concienciarse con relación ao tema e ás propias vivencias.

[Máis información]

 

A Igrexa lembra a Virxe do Carme e as xentes do mar

Cada ano, o segundo domingo de xullo, celébrase o Domingo do Mar. As comunidades católicas de todo o mundo rezan por quen traballan no sector marítimo e por quen se ocupan deles. O Domingo do Mar é unha ocasión para chamar a atención sobre un dos sectores dos que se fala pouco, pero que está no centro da vida de todos. Os esforzos dos mariños a miúdo chocan coa inxustiza, a explotación e a desigualdade. Por iso, a Igrexa acompaña e defende á xente de mar. A través do mar a Igrexa formouse e estendeuse por todo o mundo. Partindo e desembarcando en portos afastados, os Apóstolos e os misioneiros levaron a Boa Nova até os confíns da terra. A experiencia de entón pode ser tamén unha inspiración para a Igrexa de hoxe.

En España cada ano a Igrexa celebra o Día das xentes do mar coincidindo coa festa da súa patroa, a Nosa Señora do Carme, ou sexa, o 16 de xullo. O lema desta xornada no 2024 é «Coidade dos mares; coidade das súas xentes»

A %d blogueros les gusta esto: