Encontro de pastoral universitaria

Do 14 ao 16 de novembro Santiago de Compostela acolle o Encontro de delegados diocesanos e responsables de Pastoral Universitaria de España e Portugal. Este encontro ten lugar despois do Sínodo sobre os Mozos e no marco da liña de traballo sobre “estudantes en mobilidade”. Por iso, un dos  temas é ver como axudar aos membros da comunidade universitaria a descubrir a pregunta pola vocación persoal –entendida en sentido amplo–, e acompañalos no crecemento e desenvolvemento desa vocación.

Novo equipo directivo de Mans Unidas Lugo

Este ano hai un relevo no equipo directivo da Delegación de Mans Unidas en Lugo. O anterior equipo directivo, formado por Laura Campoy (Delegada), Pilar Cadahía (Vicedelegada), María Jesús Fernández (Tesoureira), Berta López (Secretaria) e Miguel Vázquez (Consiliario), fixo posible proxectos de desenvolvemento grazas á súa gran talla humana, dedicación, esforzo e co apoio dos voluntarios. O novo equipo confórmano Josefina Varela (Delegada), Pilar Cadahía (Vicedelegada), Marina Otero (Tesoureira) e Ana Castro (Secretaria) e Miguel Ángel Álvarez (Consiliario), que seguirá fortalecendo a dimensión social da fe.

O luns  12 de novembro hai unha xornada de estudo a cargo formadores de Mans Unidas España. E durante o ano 2019 haberá sesións de formación para os voluntarios da organización e para calquera persoa interesada nas cuestións a tratar: os documentos Sacramentum caritatis e Caritas in veritate de Benedito XVI. As reunións deste grupo de reflexión-formación, que dirixirá Miguel Ángel Álvarez serán no local de Mans Unidas (rúa da Cruz, 3, Lugo) ás cinco da tarde o 21 de xaneiro, o 18 de febreiro, o 11 de marzo, o 8 de abril, o 13 de maio e o 17 de xuño.

Actividades de difusión misioneira

Concurso Infancia Misioneira

Con motivo da celebración da Xornada de Infancia Misioneira 2019, cuxo lema é Con Xesús a Belén. Que boa noticia!, Obras Misionais Pontificias e o Secretariado de Infancia Misioneira convocan o concurso: “Conta a noticia! Crea a túa revista”.

Trátase de que cada participante sexa director, redactor ou maquetador da súa propia revista anunciando a Boa Nova de que Xesús xa está entre nós.

Poderán participar nenos de educación primaria, en equipos de 2 a 6 persoas, que antes do 24 de decembro presentarán as revistas na Delegación Diocesana de Misións de Lugo. Nesta fase diocesana escolleranse os traballos que se enviarán a Obras Misionais Pontificias para participar na fase nacional do concurso.

[Bases]

Convivencia de animación misioneira

O Instituto Español de Misións Estranxeiras (IEME) organiza unha Convivencia de Animación Misioneira en xaneiro (días 7 – 10) dirixida a sacerdotes diocesanos, diáconos e seminaristas en etapa de pastoral para animar entre eles o espírito misioneiro e que este espírito contaxie tamén os plans e programas pastorais.

Obxectivos concretos:

  • Compartir a Pastoral Xuvenil á luz do Sínodo.

  • Coñecer experiencias e traballo da Igrexa con mozos, aquí e en misión.

  • Reflexionar sobre o fenómeno xuvenil no anuncio misioneiro do Evanxeo.

[Programa]

Carta dos Padres sinodais aos mozos do mundo

No último día da XV Asamblea Ordinaria do Sínodo dos Bispos, os Padres sinodais, deron a coñecer unha carta aos mozos:

“Dirixímonos a vós, mozos do mundo, nós como padres sinodais, cunha palabra de esperanza, de confianza, de consolo. Nestes días estivemos reunidos para escoitar a voz de Xesús, -o Cristo eternamente novo- e recoñecer nel as vosas moitas voces, os vosos berros de alegría, os queixumes, os silencios.

Coñecemos as vosas procuras interiores, as vosas alegrías e esperanzas, as dores e as angustias que vos inquietan. Desexamos que agora poidades escoitar unha palabra nosa: queremos axudarvos nas vosas alegrías para que as vosas esperanzas se transformen en ideais. Estamos seguro que estades dispostos a entregarvos coas vosas ganas de vivir para que os vosos soños se faganse realidade na vosa existencia e na historia humana.

Que as nosas debilidades non vos desanimen, que a fraxilidade e os pecados non sexan a causa de perder a vosa confianza. A Igrexa é a vosa nai, non vos abandona e está disposta a acompañarvos por camiños novos, polas alturas onde o vento do Espírito sopra con máis forza, facendo desaparecer as néboas da indiferenza, da superficialidade, do desánimo.

Cando o mundo, que Deus amou tanto até darlle ao seu Fillo Xesús, fíxase nas cousas, no éxito inmediato, no pracer e esmaga aos máis débiles, vós debedes axudarlle a levantar a mirada cara ao amor, a beleza, a verdade, a xustiza.

Durante un mes camiñamos xuntamente con algúns de vós e con moitos outros unidos pola oración e o afecto. Desexamos continuar agora o camiño en cada lugar da terra onde o Señor Xesús envíanos como discípulos misioneiros.

A Igrexa e o mundo teñen necesidade urxente do voso entusiasmo. Facédevos compañeiros de camiño dos máis débiles, dos pobres, dos feridos pola vida. Sodes o presente, sede o futuro máis luminoso”.

[Liñas básicas do documento final do Sínodo]

Encontro das Delegacións de Misións en Lugo

O pasado sábado 6 de outubro as Delegacións de Misións galegas tiveron un encontro na Parroquia San Francisco Xavier (Lugo). Acudiron misioneiros, familiares e grupos de animación misioneira. O misioneiro xaveriano Rolando Ruíz deu inicio ao encontro cunha conferencia sobre o lema do DOMUND deste ano: “Cambia o mundo”. Despois, en distintos grupos sacáronse  conclusións sobre a conferencia. Nun deses grupos a irmá Adelaida, misioneira do Divino Mestre, que estivo en Camerún, e que proximamente irá á República Democrática do Congo, comentou que os misioneiros de vangarda, os que están nas misións, non serían nada sen os misioneiros de retagarda, que animan a seguir o seu labor, a non sentirse tan sós e son os que durante todo o ano axudan no labor misioneiro desde aquí.

Á hora da comida puido comprobarse a arte culinaria colombiana, grazas a un matrimonio da Parroquia.

Na sobremesa houbo un tempo de diversión co mago lucense David Méndez, e un compañeiro de León.

A media tarde celebrouse a Eucaristía lembrando a todos os misioneiros.

Finalmente, pasouse un vídeo sobre Anastasio Gil, director nacional de Obras Misionais Pontificias, falecido recentemente, e que acompañara o pasado DOMUND a todas as Delegacións galegas co seu gran espírito misioneiro.

A %d blogueros les gusta esto: