24 Horas para o Señor

Ás portas do IV Domingo de Coresma, os días 29 e 30 de marzo celebrarase a iniciativa “24 Horas para o Señor“, xornada marcada pola oración de adoración eucarística, a reflexión e a invitación á conversión persoal a través do sacramento da reconciliación.

O tema elixido polo Papa para este ano son as palabras que Xesús pronuncia ante a muller adúltera: “Tampouco eu te condeno” (Xn 8, 11). Neste día proponse contemplar a imaxe de Xesús, que a diferenza da multitude reunida para xulgar e condenar, ofrece a súa infinita Misericordia, como unha oportunidade para acoller a graza e unha nova vida.

A celebración desta Xornada é unha ocasión favorable para redescubrir o lugar central que na vida cristiá debe ter o sacramento da reconciliación.

Xornada pola Vida

Na solemnidade da Anunciación do Señor, o 25 de marzo, tamén se celebra a Xornada pola Vida

Este ano o lema é «O amor coida a vida». E os bispos da Subcomisión Episcopal para a Familia e a Defensa da Vida (Conferencia Episcopal Española) fan pública unha nota que, entre outras cousas, di o seguinte:

Temos que esmerarnos especialmente «cos pequenos», é dicir, os máis necesitados por ter unha vida máis vulnerable, débil ou marxinada. Aqueles que están por nacer e necesitan todo da nai xestante, aqueles que nacen en situacións de máxima debilidade, xa sexa por enfermidade ou por abandono, aqueles que teñen condicións de vida indignas e miserables, aqueles afectados de amarga soidade, que é unha auténtica enfermidade da nosa sociedade, os anciáns aos que se lles despreza como inútiles, aos enfermos terminais ou en estado de demencia ou inconsciencia, aos que experimentan unha dor que parece insufrible, aos angustiados e sen futuro aparente. A Igrexa está chamada a acompañalos na súa situación para que chegue até eles o coidado debido que brota da chamada a amar de Cristo.”

[Materiais da Xornada]

Exercicios espirituais para sacerdotes organizados pola Sociedade Sacerdotal da Santa Cruz

Durante o ano 2019 a Sociedade Sacerdotal da Santa Cruz en Galicia organiza tres quendas de exercicios espirituais para sacerdotes.

  • Do 11 ao 16 de marzo na casa de convivencias “Pazo Montecelo”, predicados por don José Ramón Bascarán, doutor en Dereito Canónico, sacerdote da Prelatura do Opus Dei, que reside na Coruña.
  • Do 22 a1 27 de abril na casa de convivencias “Olbeira”, predicados por don Nicolás Álvarez de las Asturias, doutor en Dereito Canónico, profesor na Universidade Pontificia de San Dámaso, Vigairo da parroquia de Santa María de Caná (Pozuelo, Madrid).
  • Do 9 ao 14 de decembro no “Pazo Montecelo”, predicados por don Jesús Higueras, Misioneiro da Misericordia, licenciado en Teoloxía, Párroco de Santa María de Caná (Pozuelo, Madrid).

Os Exercicios en Pazo Montecelo comezan ás 12 da mañá. En Olbeira, ás 16 h. Uns e outros terminan ás 10 da mañá.

Pazo Montecelo, San Pantaleón das Viñas, Paderne (A Coruña). Tel. 981 78 25 90.

Olbeira, San Miguel de Deiro, Vilanova de Arousa (Pontevedra). Tel. 986 55 45 34.

Oración e Concienciación contra o tráfico humano

O 8 de febreiro, día de Santa Xosefina Bakhita, adícase a ter presente ás vítimas do tráfico humano. E este ano organízase a 5ª edición do Día Internacional de Oración e Concienciación contra o tráfico humano. O lema nesta ocasión é: Xuntos contra a trata de persoas. A primeira edición celebrouse en 2015, por vontade do Papa Francisco, que encomendou promover este día á Unión Internacional de Superiores.

[Vixilia de oración]  [Vídeo do Papa Francisco]

Xornada da Vida Consagrada

A Xornada da Vida Consagrada celébrase anualmente cada 2 de febreiro, coincidindo coa festa da Presentación do Señor. La Confederación de Relixiosos de Lugo organiza unha Eucaristía na Catedral.

É un día de especial agradecemento ao Pai noso e a cada consagrado, que coa súa vida é presenza do amor de Deus.


Esta xornada persegue unha tripla finalidade:

1. responder á íntima necesidade de loar máis solemnemente ao Señor e agradecerlle o don da vida consagrada. Os consagrados enriquecen a comunidade cristiá cos seus carismas e cos edificantes froitos da súa entrega á causa do Reino.

2. promover en todo o Pobo de Deus o coñecemento e a estima da vida consagrada porque está ao servizo da consagración bautismal de todos os fieis.

3. celebrar dunha maneira unida e solemne as marabillas que o Señor realizou nas persoas consagradas.

A %d blogueros les gusta esto: