Carta dos bispos de Galicia animando aos pais a solicitar Ensinanza Relixiosa na escola

Queridos Pais/Nais

Un ano máis dirixímonos a vós e a toda a comunidade cristiá con motivo da Xornada Diocesana sobre o Ensino Relixioso na Escola. En datas próximas teredes que decidir sobre a petición do Ensino Relixioso Católico para os vosos fillos nos centros educativos. Con este motivo os bispos da Igrexa en Galicia queremos lembrarvos algúns aspectos fundamentais respecto da presenza da relixión no sistema educativo.

1.- É un dereito exclusivo de vós, pais e nais. Na educación dos vosos fillos sodes vós os que tedes ese dereito. Así o recoñecen a Constitución Española (art. 27,3), os Acordos Internacionais entre a Igrexa e o Estado español (art. 1,1), e todas as Leis educativas que se implantaron en toda Europa. Vós tedes que orientar a educación dos vosos fillos. É un dereito fundamental voso.

2.- A materia de relixión na escola non é unha concesión benévola dun Goberno. Todo goberno e as institucións educativas, sociais e sindicais deben respectar o dereito dos pais a que os seus fillos sexan educados segundo as súas conviccións relixiosas e morais. Este dereito debe ser recoñecido e aceptado, e hase de garantir o seu cumprimento.

3.- Sen dúbida están a xurdir voces contra a presenza da relixión no sistema educativo. Algúns están interesados en non darlle cabida no ámbito educativo. Certamente hai que subliñar que o ensino relixioso contribúe á formación integral da persoa. Ante determinadas formulacións tedes que favorecer a auténtica educación dos vosos fillos.

4.- A finalidade da educación relixiosa escolar pretende axudar aos vosos fillos a: desenvolver unha formación integral, proporcionar criterios e valores cristiáns que configuren a súa personalidade descubrindo o sentido da vida, favorecer a relación entre fe e cultura nunha visión cristiá da vida, capacitar para o diálogo respectuoso e construtivo con outras tradicións relixiosas, ofrecer en diálogo coas demais materias a resposta cristiá ás grandes preguntas da vida e dar a coñecer a Xesucristo e á súa Igrexa.

Consideramos que a formación relixiosa na Escola é unha achega necesaria para a mellor educación dos vosos fillos. Certamente é sempre unha opción libre.

Tratade de que crezan cunha cultura impregnada da formación relixiosa católica!

5.- Facemos unha chamada á vosa responsabilidade educativa. Procurade solicitar, para os vosos fillos, o ensino da Relixión Católica nos centros educativos. É unha consecuencia do compromiso cristián que asumistes ao bautizar aos vosos fillos.

Solicitade libre e responsablemente o ensino relixioso para os vosos fillos!

6.- É necesario que, desde as nosas comunidades deamos un impulso á educación cristiá. O gran esforzo ha de orientarse a que a familia, a parroquia e a escola traballen en colaboración para unha mellor educación.

Co noso agradecemento e apoio aos sacerdotes, aos pais e profesores que entregades xenerosamente o mellor de vós na educación dos vosos fillos e alumnos, bendicímosvos con afecto no Señor e encomendámosvos nas nosas oracións.

XLI Cursiño Rexional de Pastoral da Saúde – Galicia

Neste ano 2019 a Comisión da Pastoral da Saúde, quixo destacar na Xornada Mundial do Enfermo o valor da gratuidade. É necesario facer unha reflexión na importancia do voluntariado e a necesidade de animar ás persoas nesa dirección.

O Papa Francisco lémbranos na súa mensaxe para a XXVII Xornada Mundial do Enfermo, celebrada o pasado 11 de febreiro, Nosa Sra. de Lourdes, que “a gratuidade humana é o fermento da acción dos voluntarios, que son tan importantes no sector sociosanitario e que viven de maneira elocuente a espiritualidade do Bo Samaritano”.

Venres 10

17:30 Visita guiada ao novo Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (opcional)

19:00 Acollida na Residencia Maristas de Tui

20:00 Conferencia inaugural: “Propoñer o voluntariado aos mozos Modelo VIR” por Gerardo Dueñas, Psicólogo, Coordinador do Servizo de Asistencia Relixiosa Católica do Hospital Doutor Rodríguez Lafora

21:00 Cea

22:00 Compartir experiencias cunha actuación artística

Sábado 11

09:00 Eucaristía na capela do Colexio Marista

10:30 Charla: “Acompañamento ao enfermo paliativo: experiencia médica e achega do voluntariado”. Dr. Álvaro Fdez Rial. Medicina Interna. HULA (Lugo).

12:00 Descanso

12.30 Charla: “A enfermidade na Biblia. Do pecado á liberación.” Antonio Menduiña, párroco, Biblista e director do Institutos Teolóxicos de Vigo

14:00 Comida fraternal

16:00 Obradoiros: repartidos en 4 grupos de 25 (5 por Diocese). Ferramentas que nos axuden no noso servizo como voluntarios.

17:30 Peregrinación cara á Catedral

18:00 Celebración de clausura

18:30 Visita guiada (opcional) á Catedral

[Folla de inscrición]

Mercado solidario de Mans Unidas Lugo

A Delegación de Mans Unidas de Lugo, organiza de novo un mercado solidario desde o día 2 ao 30 de maio.

LUGAR: Praza de Anxo Fernández Gómez (detrás do Concello de Lugo)

HORARIO: De luns a venres de 11 a 13.30 h e de 17 a 20 h.

Sábados de 11 a 13.30 h.

O recadado destinarase ao financiamento de dous proxectos:

GUATEMALA

No Municipio de San Martin de Jilotepeque, facilítase o acceso á auga a través da instalación de 5 sistemas de auga potable que beneficiarán a cinco comunidades indíxenas.

INDIA

Construción dun novo edificio con capacidade para 40 nenos/as orfos, e un tanque para a recollida da auga de choiva en Wadali, un pobo do distrito de Amravati no Estado de Maharashtra.

1º de maio, Día do Traballo

As organizacións que promoven a Iniciativa Igrexa polo Traballo Decente -Cáritas, Conferencia Española de Relixiosos (CONFER), Irmandade Obreira de Acción Católica (HOAC), Xustiza e Paz, Mocidade Estudante Católica (JEC) e Mocidade Obreira Cristiá (JOC)- unen as súas forzas nesta festa dos traballadores e de san Xosé obreiro para celebrar o sentido creador do traballo, e para denunciar todo o que lesiona os dereitos das persoas traballadoras e das súas familias.

Constátase que o traballo decente é un elemento imprescindible para a xustiza social e a cohesión de toda a humanidade.

Convidase ás comunidades cristiás a celebrar a Eucaristía como signo de solidariedade con quen sofren a precariedade e deshumanización do traballo.

Convidase, igualmente, a participar naquelas actividades que convoquen as organizacións sindicais para esixir un traballo decente.

[Manifesto]

Irmá Adelaida, misioneira lucense para quen a misión é a súa vida

Hai un ano, a Irmá Adelaida, misioneira lucense do Divino Mestre, regresou de Camerún por problemas de saúde. Segundo ía poñéndose mellor, máis desexaba volver á misión. E por fin chegou o día. Esta vez foise a República Democrática do Congo. Aínda sendo maior, chega á misión con gañas de seguir traballando. E faino con toda a ilusión do primeiro día.
Envía á Delegación Diocesana de Misións unha foto co seguinte texto:
“Unha nena de 6 anos á que trouxemos ao hospital de aquí de Bukavu, estaba sempre enferma e aquí operárona, sacáronlle o bazo que o tiña moi mal, agora xa está ben e volverá á súa localidade”.

[Noticia original en castellano]

 

A %d blogueros les gusta esto: