Curso en liña para catequistas e axentes de evanxelización

A Comisión para a Evanxelización, Catequese e Catecumenado da Conferencia Episcopal ofrece unha oportunidade para a formación como catequista e como axente de evanxelización.

Este ano traballarase o tema de “Catequese e Familia”, un reto apaixonante co que se atopan todos os sacerdotes e catequistas no ámbito da parroquia pero tamén noutros espazos de evanxelización como poden ser as clases de Relixión.

Despois de inscribirse recíbese por correo electrónico a ligazón para conectar por youtube coa sesión de formación e testemuño en directo. Cada unha das 9 sesións será os mércores de 17:30 a 18:30 cada quince días a partir do 16 de outubro. Se fose imposible conectar, ao día seguinte estará dispoñible na canle de youtube do Secretariado da Comisión.

Os relatorios e os testemuños axudarán a dispor dalgunhas claves para chegar aos pais e poder anunciarlles a eles tamén a Boa Noticia do Evanxeo.

Catequistas como testemuñas de esperanza

Cartel do curso catequético 2024-25 en Galicia
 O lema do curso catequético 2024-25 é “Catequistas da Esperanza” e subliña o papel vital dos catequistas como portadores de esperanza nas súas comunidades e lugares. Está baseado no lema do Xubileu 2025, do que tamén se recolle no cartel o seu logotipo: a diversidade de siluetas humanas coloridas reflicten a unidade na diversidade que os catequistas deben promover. Cada persoa é chamada á esperanza en Cristo, e os catequistas deben ser capaces de transmitir esta mensaxe a todos, independentemente das súas circunstancias persoais.
 No cartel tamén aparecen persoas en comunidade, interactuando e apoiándose mutuamente, para resaltar a importancia da comunidade na fe cristiá. A catequese non é só un proceso de ensino, senón tamén de construción dunha comunidade de esperanza e apoio mutuo. E o mapa de Galicia do cartel indica que aínda que o Xubileu é un evento universal, tamén ten un impacto e relevancia local. Os catequistas deben contextualizar a esperanza cristiá nas súas comunidades particulares, abordando as necesidades e desafíos locais mentres manteñen unha visión global da fe.

Xornada Mundial do Rosario

O 7 de outubro de 2024, festa da Nosa Señora do Rosario, convídase a cada grupo de oración, ás 19 h (hora local), a rezar os 5 misterios do Santo Rosario.

Farase en todo o mundo como sinal de esperanza a todas as nacións. Será un encontro orante que axudará tamén a que a Igrexa prepare o Xubileu da Esperanza 2025.

Convidase a todas as Confrarías do mundo, aos participantes no Relevo Mundial do Rosario, aos oíntes de Radio María, aos Santuarios Marianos, ás Ordes Marianas, ás parroquias, ás comunidades e aos grupos de oración.

Os promotores principais deste acontecemento son as Confrarías Dominicanas do Santo Rosario e as Confrarías Diocesanas do “Foro Paneuropeo”.

É necesaria a inscrición para participar.

[Máis información]

A cidade de Lugo e as Xornadas de Profesores de Liturxia

A cidade de Lugo foi sede das XLVIII Xornadas de Profesores de Liturxia celebradas durante os días 27, 28 e 29 de agosto, no salón de actos do Seminario Diocesano da Cidade do Sacramento.

Recibimos con gran alegría, na nosa cidade, a expertos de España e Europa nesta importante e significativa materia teolóxica. Despois da solemne inauguración, José Luís Gutiérrez Martín, da Universidade Pontificia da Santa Cruz de Roma, disertou sobre “Guardini e a formación litúrxica”. Certamente, Romano Guardini, falecido en 1968, dicía que “a liturxia é un mundo de realidades santas e misteriosas, representadas de forma sensible: ten carácter sacramental” (R. GUARDINI, Los signos sagrados, Barcelona 1957). Así, máis concretamente a celebración eucarística pode considerarse como un conxunto de signos e símbolos, de palabras e cantos, de xestos e movementos estreitamente relacionados na súa mutua conexión. É unha gran realidade simbólica que constitúe a vía a través da cal a Igrexa penetra delicadamente no Misterio de Cristo. O acto de culto é así un camiño radicado no humano e aberto ao divino, feito de signos sensibles que remiten a realidades divinas invisibles.

Na tarde do primeiro día das Xornadas houbo diversas comunicacións relativas á formación do clero, á experiencia catequética, á formación litúrxica académica e un relatorio do profesor Jordi Font Plana do Instituto de Liturxia de Barcelona. A xornada concluíu cunha visita ao Museo diocesano-catedralicio e coa Eucaristía e vésperas no altar maior da Catedral presidida polo Vigairo Xeral da Diocese.

O segundo día disertou o Delegado Diocesano da Diocese de Cartaxena, Ramón Navarro Gómez sobre a formación desde a liturxia. Xa, pola tarde, celebrouse a Asemblea Ordinaria da Asociación Española de Profesores de Liturxia ademais dunha visita cultural a Monforte de Lemos.

O relatorio do último día sobre “o asombro ante o Misterio Pascual”, correu a cargo do profesor Giuseppe Midili, do Pontificio Instituto Litúrxico e Pontificia Universidade Gregoria. A Carta Apostólica do Papa Francisco, Desiderio Desideravi, foi o centro das reflexións. Nela, o Papa exhorta a que o coñecemento litúrxico difúndase fóra do ámbito académico, de xeito accesible, para que todo crente creza no coñecemento do sentido teolóxico da Liturxia, así como no desenvolvemento da celebración cristiá, adquirindo a capacidade de comprender os textos eucolóxicos, os dinamismos rituais e o seu valor antropolóxico. Precisamente isto, é o obxectivo deste artigo por se lle serve de algo ao lector.

Os participantes marcharon encantados da cidade de Lugo e da boa acollida que recibiron polos responsables da Diocese e polos organizadores.

Mario Vázquez Carballo

Vigairo Xeral da Diocese

Tempo da Creación 2024

Do 1 de setembro, Día de Oración polo Coidado da Creación, ao 4 de outubro, celébrase o Tempo da Creación mediante a oración, a reflexión e a acción.

Este ano o lema é: «Espera e actúa coa creación», seguindo a mensaxe ofrecida por San Paulo en Romanos 8, 16-22. E o símbolo é As primicias da esperanza, inspirado en Romanos 8, 19-25.

A imaxe bíblica representa á Terra como unha nai que xeme coma se estivese a dar a luz (Rom 8,22). San Francisco de Asís entendeuno así cando se referiu á Terra como a nosa irmá e a nosa nai no seu Cántico das criaturas. Os tempos que vivimos demostran que non nos relacionamos coa Terra como un don do noso Creador, senón

como un recurso para utilizar. “A Creación xeme” (Rom 8,22) por mor do noso egoísmo e das nosas accións destrutivas que causan as crises climáticas, a perda de biodiversidade e o sufrimento humano, así como o sufrimento da Creación.

[Máis información]

A %d blogueros les gusta esto: